O Concello da Coruña aprobará no pleno de setembro a Conta Xeral de 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Economía e Facenda, Roberto Coira, anunciou esta mañá que no próximo pleno, que se celebrará o 8 de setembro, darase luz verde á Conta Xeral de 2013, que xa foi aprobada na comisión informativa e posta a exposición pública para que os cidadáns puidesen consultala. O responsable municipal destacou que o expediente ratifica a boa xestión económica do actual equipo de goberno pois non só logrou mellorar todos os indicadores de execución -con porcentaxes marca na historia da cidade, como o 84,5% no orzamento total e o 65% no capítulo de investimentos-, senón que ao mesmo tempo reduciu o nivel de endebedamento das arcas públicas coruñesas.

A Conta Xeral de 2013 pasou pola Comisión de Contas e púxose a exposición pública durante o prazo que ditamina a lei (23 días) para cumprir o obxectivo de levala ao pleno de setembro. Coira destacou que o expediente recolle os principais obxectivos a nivel económico que o Goberno municipal fixouse ao comezo deste mandato:

– Mellor grao de execución do orzamento, con cifras marca nunca antes vistas na Coruña. Así, a execución alcanzou o 84,53% do orzamento segundo a Conta Xeral de 2013 -o que supón mellorar con fartura as cifras de anos anteriores e en 8 puntos a media lograda na etapa do bipartito durante os exercicios completos 2008, 2009 e 2010- e o 65% no capítulo de investimentos, con 29,5 millóns de euros para cumprir proxectos estratéxicos como o plan de mellora de espazos públicos e obras de accesibilidade, fronte ao 40% da etapa do bipartito.

– Conxelación de impostos (como xa ocorrera en 2012 e como se repetiu en 2014) e a incorporación de bonificacións especiais na vivenda de protección oficial, en plusvalías e para familias numerosas e colectivos máis desfavorecidos, o que permitiu aos coruñeses aforrarse 10 millóns de euros neste mandato.

– Incremento do grao de execución de ingresos -até alcanzar o 87%, dous puntos máis que o ano pasado e oito máis que en 2010-, sen subir os impostos e taxas municipais. O concelleiro de Economía e Facenda explicou que é un erro xustificar que o incremento da recadación se debe a unha subida de impostos, pois esta situación na Coruña obedece, en realidade, a outros dous factores: por unha banda, o compromiso cada vez maior dos coruñeses coas súas obrigacións tributarias, que oscila entre o 85,82% da recadación no imposto de vehículos e o 89,08% no de bens inmobles; e, polo outro, nunha mellor xestión por parte da administración para evitar a falta de pagamentos. Roberto Coira lembrou que o período medio de cobro situouse en 2013 nos 53 días -é dicir, dentro do período de pago voluntario dos impostos- e que a presión fiscal por habitante na Coruña sitúase en 560 euros, por baixo da media das cidades españolas de máis de 100.000 habitantes, que foi de 568 euros.

– Maior liquidez e solvencia para pagar ás empresas e para a execución de novos investimentos en obras e proxectos que redunden nunha mellora da calidade de vida dos coruñeses. En concreto, o resultado orzamentario alcanza os 16,57 millóns de euros, consolidando o incremento do 150% que se produciu en 2012 con respecto a 2011, á vez que o aforro neto foi de 15,95 millóns de euros, case catro veces máis que en 2012.

– Redución do período de pago a provedores despois de abonar todas as facturas que deixaron pendentes anteriores responsables municipais. O impulso das novas tecnoloxías a través de ferramentas como o Rexistro Central de Facturas e a Firma Electrónica favoreceu unha xestión máis directa, cómoda e eficaz.

– O Concello puido rebaixar de maneira significativa o período medio de pago, até os 39 días, é dicir, a metade que en 2010, cando se atopaba en 76 días. En España, nunha cidade de máis de 100.000 habitantes, a media de pago é de 118 días, o triplo que na Coruña. Ademais, en 2013 efectuouse o pago do 94% do total das obrigacións recoñecidas, catro puntos máis que no exercicio anterior e moi por encima da media de 2012 tanto a nivel nacional (84,65%) como autonómico (89%).

– Rebaixa do nivel de endebedamento, pasando do 37,37% en 2010 ao 33,91% a 31 de decembro de 2013, grazas á aposta do Goberno local pola redución do gasto superfluo para destinar o diñeiro ás verdadeiras necesidades e demandas dos coruñeses. Neste sentido, Roberto Coira lembrou que a área de Servizos Sociais dispón agora dos orzamentos máis importantes da historia da cidade. Ademais, o informe do interventor municipal sobre a liquidación orzamentaria subliña que se cumpriu o teito de gasto marcado polo Estado. “A débeda actual é de 319 euros por habitante, case a terceira parte da media existente entre as cidades de máis de 100.000 habitantes, que alcanza os 883 euros por cidadán. Das 63 urbes españolas que están neste ranking, A Coruña atópase entre as dez cidades con menor débeda por habitante”, afirmou Roberto Coira, quen lembrou que sobre o 70% da débeda viva pertence a anteriores responsables municipais.

26 de agosto de 2014 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.