O Concello da Coruña aproba un investimento dun millón de euros para o novo centro cívico da Cidade Vella
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a rehabilitación do antigo Goberno Militar para convertelo no centro cívico Cidade Vella-Salvador de Madariaga e a reforma da rúa Adelaida Muro. Entre ambas as actuacións que se sacarán a concurso, o Concello investirá preto dun millón de euros. Na sesión desta mañá tamén se deu o visto e prace ao regulamento que garante o uso correcto e adecuado do equipamento deportivo e social da Fábrica de Armas.
CIDADE VELLA
O Concello avanza no seu compromiso de cumprir cunha vella demanda dos veciños do centro histórico da Coruña tras aprobar en Xunta de Goberno a licitación das obras de rehabilitación e reestruturación parcial do edificio do antigo Goberno Militar.
A execución deste proxecto implica a recuperación da superficie necesaria deste inmoble (en concreto, 897 metros cadrados) para a posta en funcionamento do centro cívico e do local para a asociación de veciños da Cidade Vella.
O tenente de alcalde de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, explicou que, tras aprobar a cesión gratuíta do edificio por parte do Ministerio de Facenda e Administración Pública ao Concello na pasada Xunta de Goberno Local, na sesión desta mañá autorizouse o investimento de 544.499 euros que permitirá sacar a concurso a rehabilitación da parte do inmoble que se destinará a centro cívico e a local da asociación veciñal. Desta maneira, o Concello mantén os prazos de licitar as obras co obxectivo de que empecen no último trimestre deste ano para que, mentres se executan -o prazo é de 4 meses- se licite o equipamento ao longo do primeiro trimestre de 2015.
O Concello tramita o expediente de licitación polo procedemento de urxencia para responder canto antes a unha demanda dos veciños da Cidade Vella de fai máis de 20 anos e, ao mesmo tempo, para atender un edificio histórico que acaba de pasar a formar parte do patrimonio municipal.
Fernández Prado detallou que, dos 3.800 metros cadrados de superficie construída e distribuída en catro plantas, rehabilitaranse 897,55 metros cadrados, distribuídos entre a planta baixa (294,47), a primeira (260,08) e a segunda (343). Entre as principais obras que se executarán, destacan:
– Restauración da porta da rúa Veeduria máis próxima á rúa Amargura, onde se mellorará a accesibilidade para facilitar a entrada ao centro cívico. Tamén se acondicionarán as xanelas de madeira onde se situará o novo centro cívico.
– Recuperación da estrutura existente no interior do edificio e a instalación dun ascensor panorámico no patio interior e a prolongación da escaleira principal que actualmente une a planta baixa coa primeira para que chegue até o segundo piso.
– Instalación da rede eléctrica, de fontanaría e calefacción e dos sistemas de protección contra incendios; ademais de amoblar a aula de cociña.
Esta iniciativa súmase a outras promovidas polo actual equipo de goberno para mellorar os equipamentos públicos dos barrios e a calidade de vida e a oferta de lecer e cultural dos veciños, como é a posta en marcha do centro Boandanza na Agra do Orzán ou o recentemente presentado Quiosco Cívico de Catro Camiños.
ADELAIDA MURO
O Concello segue adiante co seu plan de modernización e recuperación de espazos públicos e a Xunta de Goberno aprobou un investimento de 449.482 euros para sacar a concurso a remodelación da rúa Adelaida Muro, no barrio de Monte Alto. Unha vez se adxudiquen as obras teñen un prazo de execución de 5 meses.
O tenente de alcalde de Infraestruturas explicou que estas obras permitirán continuar co compromiso de homoxeneizar os espazos públicos da cidade, polo que se utilizarán os mesmos criterios que se empregaron noutras rúas xa rehabilitadas. Ademais de renovar o pavimento do tráfico rodado, substituirase a baldosa hidráulica actual que se atopa moi deteriorada por outra granallada. En total, actuarase sobre preto de 2.700 metros cadrados: 1.587 metros cadrados de beirarrúa e 1.098 de calzada. Fernández Prado destacou que, aproveitando estas obras, cambiarase a totalidade da rede de augas residuais e construirase a canalización de pluviais, que actualmente non existe.
FÁBRICA DE ARMAS
A Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace ás condicións de uso do equipamento deportivo e social da Fábrica de Armas que xestiona a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA), un regulamento que garantirá o uso correcto e adecuado das instalacións por parte dos usuarios.
O Concello abriu esta semana de maneira gratuíta as novas instalacións deportivas da Fábrica de Armas aos veciños, especialmente aos residentes de Palavea, Pedralonga, Santa Gema e Eirís, o que supón saldar unha débeda histórica con estes veciños e facilitarlles un espazo de convivencia na súa contorna.
Fernández Prado lembrou que o Concello investiu 250.000 euros en acondicionar as instalacións cedidas polo Ministerio de Defensa: aparcadoiro para 52 vehículos, control de acceso, vestiarios, zona polideportiva composta por campo de fútbol sala, baloncesto e balonmán e outra pista de herba, zona de xogos para nenos de 2 a 10 anos á beira da piscina infantil, unha lámina de auga e outra zona para eventos e lecer, ademais de traballos de iluminación e pavimentación e a posta en funcionamento da cafetaría.
A partir de outono realizaranse o resto de obras desta parcela de 17.125 metros cadrados cedida polo Ministerio de Defensa, dos que 8.125 metros cadrados están dedicados a equipamento deportivo.
O novo regulamento de uso das instalacións, que se publicarán no Boletín Oficial da Provincia (BOP) para pór en coñecemento dos cidadáns, establece que o horario de funcionamento é, de martes a domingo, de 12.00 a 20.00 horas, aínda que o horario poderá variarse en función das necesidades de usuarios; mentres que os xogos inchables con monitores estarán a disposición dos nenos de 15.00 a 20.00 horas. Por razóns de seguridade, non se permitirá a entrada de menores de 12 anos ás piscinas se non acoden acompañados dunha persoa adulta.
PICASSO
A Xunta de Goberno deu o visto e prace á incorporación do presidente do Museo Picasso de París, Monsieur Laurent Lle Bon, ao Comité de Honra do 120 aniversario da primeira exposición do pintor Pablo Ruiz Picasso, que tivo lugar na Coruña en 1895 e para a que se celebrará na Coruña unha exposición, titulada O primeiro Picasso, entre o 20 de febreiro e o 24 de maio do 2015. Esta decisión adóptase despois de que Lle Bon accedese ao posto de máximo responsable do Museo Picasso de París e aceptase a proposta de incorporarse ao Comité de Honra. A exposición é o primeiro acontecemento de interese excepcional aprobado polo Estado na cidade e marcará un fito no coñecemento da etapa coruñesa de Picasso.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno tamén concedeu esta mañá permisos urbanísticos que suporán un investimento na cidade de 3,4 millóns de euros, o que eleva a cantidade desde o inicio do mandato até os 303,58 millóns. Destacan as licenzas para a instalación de cinco ascensores en edificios das rúas Ramón Cabanillas, Xenebra, Francisco Añón, Paseo de Rolda e División Azul, o que favorecerá a mobilidade e accesibilidade dos veciños ás súas vivendas e á rúa.
Tamén se concederon autorizacións para que Estrella Galicia amplíe en 1.470 metros cadrados as súas instalacións na Grela, cun orzamento de 1,6 millóns de euros, e para a implantación da empresa Industria Téxtil no polígono de Vío -trátase da primeira licenza para este parque empresarial-, cun orzamento de obra de 1,39 millóns de euros. Na Xunta de Goberno tamén se ordenou á propietaria do solar da avenida de Finisterre, número 176-178, que execute as obras necesarias para implementar as medidas de seguridade e salubridade, concedéndolle un prazo de 15 días para facerse cargo da intervención, paso previo a que o Concello execute esta actuación de forma subsidiaria.











