O Concello da Coruña adxudica o contrato de actividades socioculturais dos centros cívicos municipais
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo, informa da adxudicación do contrato para o servizo de actividades socioculturais de prevención e cooperación social nos centros cívicos municipais por importe dun millón de euros (90.910 euros en 2014, 545.460 euros en 2015 e 363.640 euros en 2016).
O contrato, adxudicado a Arasti Barca M.A., ten un prazo de duración de 22 meses prorrogables por once meses máis até un máximo de 33. A empresa será a encargada de deseñar o contido didáctico das actividades e impartilas, segundo as directrices dos técnicos municipais, nos 22 equipamentos cívicos da cidade.
Trátase de actividades de lecer e tempo libre para a poboación en xeral e actividades específicas de prevención para grupos determinados. Neste sentido, ofertaranse actividades de ocupación do lecer e tempo libre, de reforzo escolar, de mantemento físico ou de creatividade artística para todos os sectores de poboación: infantil xuvenil, maiores de 65 anos e interxeracional.
En total realizaranse un mínimo de 38.000 horas de actividades. O obxectivo é, a través da oferta dos centros cívicos, facer máis accesible a cultura e o benestar social, ademais de fomentar o asociacionismo veciñal e a participación cidadá.











