O Concello da Coruña adxudica a primeira fase da reforma da cuberta do Palacio dos Deportes de Riazor
O Concello da Coruña informa da adxudicación do procedemento aberto que se sacou a concurso público para a remodelación da primeira fase da cuberta ríxida do Palacio dos Deportes de Riazor. Cun investimento de 330.304 euros e un prazo de execución de 5 meses, o Goberno municipal solucionará as deficiencias detectadas na instalación e que provocaban filtracións e humidades no interior do polideportivo.
A Concellaría de Infraestruturas desenvolveu un proxecto en coordinación coa área de Deportes para remodelar a cuberta do Palacio dos Deportes, unha instalación que conta na actualidade con dous sistemas construtivos diferenciados: por unha banda, atópase unha zona central que se apoia sobre dous arcos parabólicos; e doutra banda, unha zona perimetral de natureza ríxida rematada con ferros de fibrocemento sobre vigas. É esta segunda estrutura a que, tras unha inspección dos técnicos, necesita unha remodelación para emendar deficiencias que ocasionan filtracións, humidades e pingueiras no interior do Palacio dos Deportes. Para liquidar esta situación, optouse por instalar paneis de aluminio sobre a cuberta ríxida de fibrocemento.
Como esta estrutura ríxida está constituída por dúas cubertas separadas pola cuberta central, decidiuse executar a súa reparación en dúas fases. Na primeira, que se acaba de adxudicar por 330.304 euros, reformarase o cuberta norte, orientada cara ao Estadio de Riazor. Con este novo proxecto municipal, o Goberno municipal busca protexer a cuberta para reparar os danos e mellorar a imaxe externa cunha solución que se adapte á superficie existente.
Antes de proceder á instalación da cuberta de aluminio sobre a cuberta actual, a empresa adxudicataria realizará un tratamento superficial da cuberta existente, coa reparación e impermeabilización das xuntas dos ferros de fibrocemento, á vez que se supervisará o estado da instalación eléctrica e limparanse e adecuarán os sumidoiros. O Concello logrou rebaixar tanto o orzamento -en 20.245 euros- como o prazo de execución -nun mes- con respecto á fase de licitación deste proxecto, ao que se presentaron un total de 12 empresas.











