O Concello da Coruña abre o prazo para solicitar un horto urbano en Novo Mesoiro
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente, informa de que se abriu a convocatoria pública para a asignación de 89 hortos de lecer, situados á altura do número 2 da rúa Fragas do Eume, no barrio de Novo Mesoiro.
Unha vez aprobadas as bases que regulan a convocatoria na Xunta de Goberno Local o pasado 28 de xullo, publicáronse no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As bases recollen as normas de uso, xestión e acceso a estas instalacións municipais. O Concello dá un paso máis para que os 89 hortos urbanos estean a disposición dos coruñeses no último trimestre deste ano. As solicitudes pódense presentar en calquera das oficinas do Rexistro Oficial do Concello até o 10 de setembro.
Esta iniciativa pioneira e inédita na Coruña pretende ser unha alternativa de lecer saudable para todos aqueles que se interesen pola agricultura tradicional e ecolóxica. Dos 89 hortos urbanos, reservarase un mínimo de 20 para aquelas persoas con ingresos anuais inferiores ao 75% do IPREM. De feito, establécense catro categorías: ademais das persoas con ingresos anuais menores que o 75% do IPREM, existen as categorías de xubilados ou maiores de 65 anos, adultos maiores de 30 anos, e mozos de entre 18 e 30 anos.
As parcelas concederanse mediante sorteo público durante un prazo de dous anos, prorrogable até tres. Unha vez transcorrido este tempo, o horto deberá rotar, polo que se abrirá unha nova convocatoria pública. A cota de inscrición é de 50 euros e, unha vez adxudicadas as parcelas, os titulares deberán abonar unha tarifa mensual de 25 euros para os labores de mantemento e conservación. Estarán exentos de pagar esta cota mensual aqueles adxudicatarios incluídos na categoría que xustifiquen uns ingresos inferiores ao 75% do IPREM.
Os 89 hortos de lecer para práctica de agricultura ecolóxica e as súas instalacións complementarias situaranse nunha parcela de 8.309 metros cadrados xunto ao número 2 da rúa Fragas do Eume. Cada horto conta cunha superficie de 50 metros cadrados e a súa adxudicación levará aparellada un armario para almacenar apeiros e útiles. Todos os hortos estarán dotados de acometida de auga para a rega.











