O comité de Denso mantén a folga por considerar insuficiente a oferta da empresa
O comité de empresa de Denso rexeitou a oferta da empresa na negociación do convenio, que expuña melloras económicas e novas contratacións, por considerala “insuficiente”, e mantén a folga indefinida que comezou o pasado martes, segundo informou a CIG, sindicato maioritario no comité.
Denso, auxiliar da automoción con sede no parque tecnolóxico de Valadares e provedor de equipos de climatización para PSA Peugeot Citroën Vigo, ofreceu aos sindicatos incrementos salariais, redución de xornada con criterios de flexibilidade e facer contrato indefinido a 18 traballadores eventuais.
A empresa propuxo asinar un convenio con tres anos de vixencia e fixo un chamamento para pór fin ao conflito e evitar perda de competitividade da compañía.
Pero o cadro de persoal non aceptou a oferta, aínda que recoñece o achegamento de posturas. A CIG criticou que Denso se negue a aumentar o tempo de descanso diario en 10 minutos e que non faga máis contratos indefinidos, tendo en conta que hai máis dun centenar de operarios eventuais na planta.











