O comercio local de Cambre prepárase para o “Venres Templario, Noite Aberta”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

A asociación de empresarios/as de Cambre (aec) en colaboración coa asociación de veciños de O Amorne (A.VV O Amorne) e o Concello de Cambre organizan o vindeiro venres día 5 de setembro o primeiro Venres Templario-Noite Aberta; na noite dese día os comercios participantes ofrecerán ao público nun horario especial de apertura dos seus establecementos (de 21,00 h. a 24,00 h.) descontos e promocións especiais. Os comercios participantes, cos seus escaparates, entradas e accesos adornados con cruces templarias, globos e vestidos con camisetas coa cruz templaria permanecerán abertos desde as nove da tarde até a medianoite para convidar o paseo, a compra e o intercambio veciñal. O obxectivo é que ofrezan promocións e descontos especiais de até un 70 % así como agasallos directos, obsequios, catas de viño e cava, degustacións gratuítas para todos os seus compradores e desta forma estimular as súas compras. A hostalaría xogará un papel importante e esta noite na que se lles convidará á decoración dos seus locais e a realización de promocións especiais nos seus locais así como a súa contribución con tapas especiais do día (tapa templaria) ademais dalgún tipo de actuación musical. Durante a noite haberá un amplo programa de actividades de animación na rúa e outros actos de promoción que permitirán gozar dunha noite lúdica e festiva.

Moi importante para o desenvolvemento da actividade será a gran churrascada con gaiteiros e parque de inchables que coordinará a asociación de veciños de O Amorne e que terá lugar no Parque Ramón Barba. A partir das 17,30 horas comezarán os inchables para continuar ás 20,00 horas coa gran churrascada e música en directo con gaiteiros e algunha sorpresa máis.

Desta forma preténdese que os veciños da parroquia e de zonas limítrofes achéguense até O Amorne para gozar coa familia deste venres templario co seu amplo abanico de actividades e lecer xunto coa gran variedade de ofertas e promocións que ofrecerán tanto o comercio local como a hostalaría da zona a todos aqueles residentes e visitantes que saian a dar unha volta pola parroquia nesta noite máxica. O Amorne é unha zona na que unha boa parte dos seus residentes traballan en Coruña e zonas limítrofes, con esta iniciativa e o seu horario preténdese que estes veciños poidan pasear coas súas familias e efectuar as súas compras polo barrio ademais de contribuír a potenciar a relación entre veciños e diversos colectivos da parroquia.

29 de agosto de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.