O Comarcal A Fervenza e o Burela xogan en San Sadurniño este sábado
O FS A Fervenza e o Burela FS Pescados Rubén encontraranse este sábado a partir das 19.00 h. no pavillón municipal dentro das eliminatorias de grupo da Copa Xunta de Galicia, un trofeo no que participan todos os equipos galegos que xogan na primeira e segunda división e as vencedoras da pasada liga galega feminina. O equipo de Ferrolterra tentará tumbar o poderío das da Mariña, que a temporada pasada se proclamaron subcampioas da liga da primeira división estatal ademais de vencer tamén na copa autonómica.
A Copa Xunta conta con dez equipos distribuídos en dous grupos de tres e un de catro escuadras. En cada un deles disputarase unha liguiña a unha soa volta para tentar entrar na semifinal. Pasarán os equipos con mellores puntuacións de cada grupo máis o segundo clasificado do grupo que ten catro. Despois desta liguiña eliminatoria quedarán catro formacións entre as que se decidirá a copa.
O deste sábado en San Sadurniño será un encontro interesante ao xuntárense na pista equipos que en principio non serían equiparables. O Burela xoga na 1ª estatal -quedaron segundas na temporada pasada e proclamáronse campioas na 2012-2013-, mentres que A Fervenza non puido evitar este ano a perda da praza na segunda división á que chegaran na temporada 2009-2010. Aínda así a pelota é caprichosa e no partido pode pasar calquera cousa. O que si se pode asegurar é que a cita conta con todos os ingredientes para ofrecer un partido intenso e de moi alta calidade.
O encontro está organizado polo Concello en colaboración co Sansa Futsal, que aproveitan a ocasión para entregar o I Trofeo de fútbol sala feminino Concello de San Sadurniño. O obxectivo principal é darlle pulo a un deporte que está remontando en afección debido en grande parte ás fichas femininas. De feito, dentro do Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes establécese como prioridade que a muller entre de cheo na práctica do deporte, de todos os deportes, coas mesmas posibilidades que un home.
O 10 de setembro, II Trofeo solidario
O Sansa Futsal e o Concello tamén organizan conxuntamente o II Trofeo solidario de fútbol sala masculino, que se disputará o mércores 10 de setembro a partir das 21.00h. Igual que no caso da Copa Xunta a entrada será de balde. Porén o público poderá -e deberá- traer alimentos non perecedoiros como conservas, pasta, arroz, azucre, cacao, etc., así como produtos de hixiene persoal que despois se distribuirán entre aquelas familias do municipio con menos recursos.
O encontro será un derbi apaixoante entre O Parrulo, que xoga na 2ª División estatal, e o Cidade de Narón, integrante da 2ªB. Dous equipos cunha grande rivalidade malia xogar en categorías distintas que atraerán ao pavillón municipal público de toda a comarca.
Ese mesmo día pero ás 19.00 h. tamén se xogará un partido amigable entre unha selección de San Sadurniño e un equipo da Liga Local da Delegación de Ferrol todavía por determinar.











