O Centro BTT Portas de Galicia realiza unha nova saída guiada para os afeccionados á bicicleta de montaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVerín
A-
A+

Este verán estanse a organizar saídas guiadas polos Centros BTT de Galicia. O obxectivo é promover estes centros dando a coñecer a todos os afeccionados as súas instalacións.

O Centro BTT Portas de Galicia organizou tres saídas en colaboración co club BTT Verín e o Plan de competitividade portas de Galicia.

A primeira saída celebrouse o 14 de xuño polo Concello de Riós. En total, os ciclistas realizaron 30 quilómetros pola Ruta das Carballeiras, unha ruta circular en torno ao Centro de Interpretación da Castaña, antiga casa reitoral de Trasestrada e a Ruta de Valmedo que comparte varios tramos co Camiño de Santiago.

O 19 de xullo desenvolveuse outra visita guiada polo Concello de Viana do Bolo. Os tramos elixidos nese mes foron os que integran a Ruta As Telleiras que é unha senda circular a través do encoro do Vao e a Ruta A Escrita, unha ruta circular de nivel medio que permitiu visitar parte das coñecidas como “Terras do Bolo”. En total ambas as rutas sumaron 29 quilómetros.

Este domingo 10 de agosto será a derradeira saída guiada programada para este verán e nesta ocasión o traxecto que van realizar os participantes é a cuarta ruta deste Centro BTT coñecida como a Ruta de Pena Maseira. Esta gran ruta circular permitirá coñecer a marabillosa natureza e as paisaxes que entrañan os arredores de Pena Maseira no municipio da Gudiña.

O comezo da ruta está programado para ás 9 da mañá na Casa da Viúva e no transcurso desta, os participantes coñecerán magníficos enclaves e recursos como a praia fluvial da Ribeira, un castiñeiro centenario de grandes dimensións, o Monte Furado que é unha perforación que se realizou na faldra da montaña para desviar o río Pentes, o muíño das Cantareiras, o río San Lourenzo onde será preciso baixarse da bicicleta para poder avanzar, A Mezquita e un tramo do Camiño de Santiago entre outros lugares de interese.

Pola súa parte, o Concello de Meis organizou dúas saídas no Centro BTT O Salnés. A primeira foi unha ruta circular no mes de xullo e tivo como punto de partida a Casa do Concello de Meis.

A ruta que se celebrará no mes de agosto, concretamente o día 17, percorrerá o circuíto do monte da Escusa pois trátase dun percorrido accesible para todos os niveis con saída e chegada no campo de golf e con fermosas vistas panorámicas sobre as rías de Arousa e Pontevedra. Así mesmo, para os ciclistas máis expertos que desexen poñer a proba a súa forza e destreza ampliarase o itinerario por unha subida de certo nivel físico ata o miradoiro do monte Castrove.

A inscrición é de balde e o prazo para anotarse ás rutas deste mes segue aberto. As persoas interesadas en obter máis información poden consultar a páxina de Turismo de Galicia (www.turgalicia.es).

Centros BTT Galicia

Os Centros BTT Galicia son un espazo ao aire libre, deseñado e preparado para os usuarios de bicicletas todo terreo, que posibilita o coñecemento do medio rural e natural a través da práctica da bicicleta de montaña. O centro BTT Portas de Galicia e o Centro BTT O Salnés xunto co Centro BTT Serra do Xurés, que será proximamente inaugurado, conforman a Rede de centros BTT de Galicia, auspiciada pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, en colaboración cos concellos nos que radican as instalacións.

O Centro BTT O Salnés foi o primeiro en inaugurarse e ten o seu punto de acollida no campo de golf de Meis. Este centro ofrece 10 rutas de diferente dificultade que suman mais de cen quilómetros. Destacan os itinerarios esixentes ao redor do monte Castrove que poñen a proba as forzas e destrezas dos ciclistas, polo que é ideal para expertos da BTT. Nas rutas máis accesibles sobresae a do circuíto do monte da Escusa con saída e chegada no campo de golf e con fermosas vistas panorámicas sobre as rías de Arousa e Pontevedra.

O Centro BTT Portas de Galicia abriu as súas portas no pasado ano e as súas rutas transcorren polos concellos de A Gudiña, A Mezquita, Riós, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Conta con 12 percorridos de diferentes niveis de dificultade que suman un total de 244 quilómetros.

7 de agosto de 2014 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.