O Centrad pon en marcha o Verán Artesán da Terra Chá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Deputación de Lugo descentraliza novamente a oferta formativa do Centro de Artesanía e Deseño organizando, neste caso na Terra Chá, diversas actividades durante as fins de semana a partires do 9 de agosto e ata o 6 de setembro inclusive. As accións formativas previstas celebraranse nos obradoiros de artesáns ubicados nesta Comarca, en concreto nos Concellos de Xermade, Outeiro de Rei e Vilalba.

O Verán Artesán da Terra Chá ofrece cinco cursos cun máximo de 67 prazas dispoñibles, pensados para participantes de todas as idades e que estarán centrados nos oficios de torneado de madeira, bordado ó aire, olería, cestería e instrumentos musicais. En concreto, os obradoiros dispoñibles son os seguintes:

– Curso de torneado de madeira: impartido polo artesán Vicente Ledo, celebrarase os días 9 e 10 de agosto na Aldea da Fraga, no Concello de Xermade. Pensado para as familias, nel poderán tomar parte tanto adultos coma nenos a partires de 8 anos.

– Curso de bordado ó aire: celebrarase o día 16 de agosto no obradoiro de Carmen López, en Vilalba, e nel os participantes poderán aprender os fundamentos básicos desta técnica.

– Curso de olería: o sábado seguinte, 23 de agosto, terá lugar este curso que impartirá a artesá Pepa Lombao no seu obradoiro de Bonxe, en Outeiro de Rei. Os alumnos aprenderán a realizar e decorar pezas con diferentes técnicas.

– Curso de cestería creativa con elementos naturais: o sábado 30, a artesá Idoia Cuesta impartirá unha acción formativa na que os alumnos aprenderán a traballar con materiais de orixe natural que eles mesmos recollerán na contorna natural do obradoiro da artesá en Outeiro de Rei.

– Curso de construción de instrumentos musicais: terá lugar o día 6 de setembro no obradoiro do artesán Xoan Manuel Tubio, Xaneco, en Outeiro de Rei. Tamén está dirixido a adultos e nenos, xa que os maiores aprenderán a construír un pandeiro e unha pandeira e os pequenos elaborarán diferentes obxectos sonoros.

A matrícula é gratuíta, de xeito que os participantes só terán que aportar o material necesario para cada acción formativa. Aqueles que non poidan facerse con dito material terán a posibilidade de adquirilo o mesmo día do curso antes do seu comezo. Para inscribirse e obter máis información sobre horarios e prezos dos materiais, os interesados poden poñerse en contacto co Centro de Artesanía e Deseño no 982 210 066.

5 de agosto de 2014 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.