O Carballiño recibe a un grupo de alumnos de Irlanda que participan no intercambio con alumnos da vila e Boborás
O alcalde de O Carballiño, xunto coa edil de Turismo, e as edís do concello de Boborás, recibiron oficialmente hoxe aos nenos irlandeses que participan no programa de intercambio realizado entre estes dous concellos e Oranmore. En total son 11 nenos irlandeses, que xa coñeceron aos galegos cando lles acolleron nas súas casas fai un par de meses, en concreto a finais do pasado mes de xuño. Xunto cos alumnos, viaxaron tamén tres nais como monitoras e responsables do grupo, e a senadora Fidelma Healy, unha das impulsoras deste proxecto.
Pero, ademais, o Vice Cónsul de Irlanda en España acudiu tamén a O Carballiño, para estar cos alumnos irlandeses, darlles a benvida e ofrecerlles todo o apoio e axuda que necesitasen. O alcalde recibiu a esta comitiva no salón de plenos, aproveitando para obsequiar ao vice-cónsul cun libro sobre o termalismo na provincia de Ourense. Tamén asistiron a este acto o senador Francisco Fernández, e a edil do PSOE Iolanda Álvarez, en representación do seu grupo municipal.
Tanto Argimiro, como a senadora e o Vice-Cónsul, aseguraron que este primeiro intercambio quere ser o inicio dunha actividade continuada no tempo, que sirva tanto para a aprendizaxe dos alumnos das linguas inglesa e castelán, como para coñecer os costumes, gastronomía e cultura destes dous países.
Durante toda esta semana os alumnos irlandeses, xunto cos seus compañeiros do Carballiño e Boborás, realizarán diversas actividades e visitas, como ao mosteiro de Oseira, coñecerán a fondo O Carballiño e participarán nas actividades programadas na Festa do Polbo.











