O C.R.D.O. Ribeiro participa nas xornadas técnicas da Festa do Pulpo do Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O C.R.D.O. Ribeiro realizou a pasada tarde a actividade inaugural das Xornadas Técnicas da Festa do Pulpo de O Carballiño 2014. O evento, que se realizou nunha carpa habilitada para tal efecto na praza Emilia Pardo Bazán de O Carballiño para 40 persoas, estivo dirixido polo cociñeiro Rafael Centeno, do restaurante vigués Maruja Limón, cunha Estrella Michelín, e Pablo Vidal, director técnico do C.R.D.O. Ribeiro.

O cociñeiro elaborou dous bocados baseados no polbo das rías galegas, pero como ben declarou “non hai quen supere a perfección do polbo á feira, así que temos que cambiar o chip e gozar destas distintas elaboracións”. A primeira foi unha ensalada de polbo con melón macerado en lima, cogombro aromatizado en salsa de soia que Pablo Vidal harmonizou cun viño branco fresco da colleita 2013 da D.O. Ribeiro, elaborado coas variedades autóctonas Treixadura, Albariño e Loureira, que lle aportou un maior frescor, complexidade aromática e acentuou a sabrosidade mariña do polbo. O segundo bocado presentado foi un guiso de polbo con verduras e migas de pan de millo; nesta ocasión o viño elixido foi un tinto 2013, que elaborado tamén coas variedades endóxenas da D.O. Ribeiro Caíño, Brancellao e Mencía lle aporta a potencia que o prato precisa e o equilibrio en contrapunto.

Unha xornada cun gran éxito cubrindo todo o aforo, e onde os asistentes puideron comprobar que o polbo, elaborado de xeitos diferentes, a parte do seu xeito máis coñecido, como é “á feira” pode harmonizarse cun viño da D.O. Ribeiro, branco ou tinto, tendo en conta as características e potencia tanto do prato como do viño.

7 de agosto de 2014 | 11:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.