O atleta Iván Docampo, da Ximnástica de Pontevedra, queda segundo en Marín
A terceira edición dos 10 quilómetros de Marín disputouse baixo a choiva, que souberon agradecer os corredores, tras os días que levamos con moita calor, cun bonito espectáculo.
O ritmo da cabeza de carreira foi moi alto, para subir ao podio había que correr en 31 minutos, unha marca reservada soamente a atletas con moitos quilómetros nas súas pernas. A pesar da esixencia, o atleta da Sociedade Ximnástica, Iván Docampo non deixou escapar ao grupo de cabeza e cun rexistro de 31:16, entrou en segunda posición na liña de meta.
A Sociedade Ximnástica volve ser elixida como representante da Asemblea da Federación Galega de Atletismo
O proceso electoral da Federación Galega de Atletismo chegou a un dos seus momentos importantes, coa primeira reunión da súa nova Asemblea para os próximos catro anos.
A principal orde do día era a elección do Presidente; Isidoro Hornillos, que se presentaba á reelección, foi o único candidato, polo que a Asemblea confirmouno como Presidente.
A Asemblea tamén elixiu aos seus representantes, na coñecida como Comisión Delegada, que se reúne varias veces ao ano, para ir fiscalizando a actividade da Federación.
A Sociedade Ximnástica, volveu ser elixida polos Clubs presentes na Asemblea, como membro da Comisión Delegada; da que tamén formarán parte o atleta da Ximnástica, Martín Brea, elixido polos deportistas e a xuíza de atletismo da Delegación de Pontevedra, Carmen Torres, elixida polos xuíces.
Outra vez máis os clubs galegos volven confiar na Ximnástica para que defendan os seus intereses na Federación, un labor que pensa levar a cabo con ilusión e seriedade.
Agora ábrese un curioso prazo de máis dun mes, xa que agosto considérase un mes de nula actividade administrativa, coma se fose un día festivo e nos primeiros días de setembro a Xunta Electoral decidirá sobre as reclamacións que se presenten sobre estas eleccións, sería moi estraño que houbese algunha, para concluír todo o proceso o 4 de setembro, cando se confirme a nova Comisión Delegada e ao Presidente.











