O alcalde da Laracha comproba as obras de ampliación e mellora da escola infantil

O alcalde da Laracha na visita ás obras
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o edil responsable das áreas de urbanismo e obras públicas, Jesús Souto, visitaron hoxe a escola infantil da Laracha co propósito de coñecer o estado tanto das obras que se están a realizar tanto na parte das instalacións que está en uso desde hai varios anos como no novo edificio que se atopa en construción e que aumentará a capacidade do centro, situado na rúa Río Anllóns da capital municipal.
Acompañados por representantes da dirección da obra e da empresa que está executando as actuacións, os representantes do goberno local puideron comprobar que as melloras previstas no edificio principal xa están practicamente concluídas. Realizáronse saídas directas cara ao patio exterior desde cada aula e as ampliacións do patio interior cuberto e do comedor. Tamén se contempla a posterior adecuación de todas as fachadas.
Agora estase acometendo a completa limpeza da instalación e a colocación do mobiliario no seu correspondente emprazamento para que a escola infantil estea en perfectas condicións para acoller aos usuarios, docentes e ao resto do persoal o próximo xoves día 4 de setembro, data na que está fixado o inicio do curso 2014-15.
Na parte correspondente ao novo edificio que se está a construír, as obras continúan avanzando a bo ritmo e céntranse nestes momentos nos traballos de carpintería interior. O desenvolvemento dos traballos non afectará en absoluto á actividade na escola unha vez se inicie o curso, xa que incluso os operarios teñen habilitada unha entrada independente ao centro. Ademais, as horas de descanso dos operarios coincidirán co tempo estipulado para a sesta dos nenos usuarios da escola infantil (de 13.30 a 15.30 horas).
O Concello da Laracha e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia financian o custo desta actuación, que ascende a uns 358.000 euros. Ademais das citadas melloras no edificio principal, estase levantando un novo inmoble anexo dunha superficie de 288 metros cadrados repartidos en tres aulas, unha sala de profesores e unha área de descanso. Por tanto, a escola pasará de ter cinco módulos a oito, creándose 41 novas prazas para un total de 115 usuarios.











