O alcalde da Coruña presenta o novo centro cultural e de lecer en Catro Camiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta mañá o novo proxecto do Goberno municipal para Catro Camiños e que permitirá dotar ao barrio dun centro de lecer e cultural e favorecer a integración do inmoble no parque da praza de José Toubes Pego. A previsión do Concello é licitar esta nova iniciativa no último trimestre do ano para empezar as obras en 2015. O orzamento ascende a 1,2 millóns de euros.

“Este novo proxecto provócame unha especial satisfacción porque o Quiosco Cívico Catro Camiños é un equipamento moi demandado, pois nos permitirá contar cun centro de lecer e cultural que dará servizo a Catro Camiños, pero tamén a zonas próximas como
Os Mallos, A Cubela e A Gaiteira”, destacou Carlos Negreira, quen estivo acompañado polo tenente de alcalde de Infraestruturas, Martín Fernández Prado, e o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo.

O alcalde asegurou que a localización elixida para o novo equipamento atópase nas instalacións onde actualmente está unha cafetaría en concesión xunto á fonte de Catro Camiños. “Eliximos esta localización porque nos permite integrar mellor a praza e o parque e ao mesmo tempo dar saída a esta demanda dos veciños”, afirmou o alcalde. O novo centro, denominado Quiosco Cívico Catro Camiños, destinarase a actividades culturais e de lecer, pois a programación relacionada coa área social e asistencial xa se ofrece nun edificio próximo -nas antigas instalacións de Emalcsa-.

O Concello ten previsto sacar a concurso a execución do proxecto no último trimestre deste ano para empezar a súa construción en 2015. O prazo de execución das obras é de 10 meses e cun orzamento de licitación de 1,2 millóns de euros. O alcalde destacou que o novo centro é accesible -mantivéronse reunións con colectivos de discapacitados- e sustentable -coa implantación de sistemas que fomentan o uso de enerxías renovables-. “Cambiamos un vello edificio con problemas estruturais e que era incompatible coa actividade exposta por un inmoble moderno para uso dos veciños”, afirmou Carlos Negreira.

O novo edificio duplicará a superficie útil construída, até alcanzar as 620 metros cadrados, sen xerar impacto visual e integrándose no parque, que ocupa unha superficie de 6.600 metros cadrados. Ademais, elimínase zona pavimentada que existe actualmente no exterior do inmoble por zona verde, polo que a superficie de zona verde incrementarase en 120 metros cadrados. O novo inmoble de Catro Camiños estará distribuído en tres plantas:

– Planta soto, onde se situarán o salón de actos e para actividades deportivas, a aula de cociña, a aula de informática e un almacén.

– Planta baixa, que será o salón do parque, un espazo concibido para un uso polivalente e como refuxio para os usuarios do parque, e onde poder gozar de actuacións musicais cubertas, entre outras posibilidades. Anexo a este recinto, estará o salón de nenos, cunha zona de lectura e xogos.

– Planta primeira, que contará con catro aulas multiuso nas que se desenvolverán actividades culturais e formativas que darán resposta ás necesidades demandadas.

“Completamos un vello soño do barrio de Catro Camiños, do mesmo xeito que pasou coa Cidade Vella e o centro Boandanza no Agra do Orzán. Serán tres centros municipais para cubrir as necesidades dos veciños”, concluíu o alcalde.

5 de agosto de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.