O aeroporto de Peinador logra dous meses de recuperación
O aeroporto de Vigo rexistrou nos dous últimos meses unha recuperación tanto en voos como en pasaxe, cunha mellora de 13 puntos respecto ao ano pasado, segundo comunicou o alcalde da cidade, Abel Caballero.
En rolda de prensa, indicou que, a pesar de que “a recuperación vai requirir de anos”, está “satisfeito” porque se empeza a notar. “Isto é unha moi boa noticia”, recalcou o edil, que apuntou que “os voos transversais de Volotea producen este crecemento”.
Ademais, o rexedor comunicou que a principios do próximo mes de setembro o concello sacará a concurso a ampliación dos voos transversais que se farán desde Peinador até destinos atlánticos e mediterráneos de España, en condicións de promoción publicitaria e turística da cidade e o aeroporto.
O pasado ano o Concello de Vigo convocou este mesmo concurso municipal no marco do plan estratéxico para impulsar Peinador, aínda que non chegou a recibir ningunha solicitude de aerolíneas. A pesar diso, o mandatario manifestou a súa confianza en que este ano se presentarán varias compañías.
Caballero tamén fixo fincapé este luns en que Vigo e o seu aeroporto traballan “sen o apoio de ningunha outra institución” e volveu a denunciar “a competencia desleal” que fai a Xunta ao apoiar “aos aeroportos de Santiago e A Coruña cuns catro millóns aproximadamente a cada un”, mentres a Vigo destina “cero euros”.
Así, insistiu en que o aeroporto de Peinador “recupérase coa axuda exclusiva -duns 300.000 euros- do concello”. Neste sentido, avanzou que o Goberno local xa está a programar “a recuperación do próximo ano”, dentro do que se incluirá o obxectivo de recuperar a ruta a Londres.











