O acceso de vehículos en catro rúas de Caión será exclusivo para residentes
O Concello da Laracha establecerá o acceso limitado de vehículos en catro rúas do casco urbano de Caión en beneficio dos seus residentes e propietarios de vivendas. O Rueiro da Figueiras, a súa primeira travesía e a primeira e segunda travesía da rúa Carrero Blanco pasarán en próximas datas a estar restrinxidas tanto ao tránsito rodado como ao estacionamento, sendo exclusivamente os vehículos autorizados os que poderán circular polas mesas.
Poderán obter a correspondente acreditación municipal os automóbiles dos propietarios das vivendas, persoas residentes nas vías afectadas e tamén aqueles que teñan debidamente xustificado o dereito de uso dos garaxes.
No caso de cumprir as características sinaladas, as persoas interesadas poderán solicitar no Concello, a través da sede electrónica (sede.alaracha.es) ou por correo electrónico (correo.laracha@fegamp.org) a autorización municipal de acceso correspondente achegando a documentación requirida. A acreditación non terá custe algún para o beneficiario da mesma.
Ademais dos propietarios das vivendas, residentes e usuarios dos garaxes que dispoñan da acreditación, tamén poderán acceder a estas catro rúas os automóbiles que presten servizos públicos, vehículos oficiais e calquera outro con ocasión de recoñecida e xustificada urxencia.
Con esta medida que promove o goberno local a pretensión é beneficiar aos veciños desas zonas dado que o Rueiro das Figueiras é unha rúa estreita, con dificultade para a tránsito e que conta con alternativas para a circulación (a través da estrada paralela do porto) e as tres travesías citadas son vías sen saída. Deste xeito facilitarase –especialmente durante a época estival- o tránsito e o estacionamento a veciños residentes, a entrada de vehículos oficiais, de emerxencia (ambulancias) e a labor de carga e descarga dos automóbiles de servizos públicos.
O Concello da Laracha xa iniciou unha campaña informativa para comunicar esta cuestión persoalmente e por escrito a todos os veciños das catro vías afectadas.











