Nova programación de obradoiros de igualdade que se desenvolverán en Ferrol entre os meses de outubro a maio
A Concellería de Igualdade do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, abriu hoxe o prazo de inscrición na programación de obradoiros gratuítos destinados a mulleres empadroadas no municipio para a tempada 2015 – 2015. A edil ferrolá explicou que a nova oferta de Igualdade recolle as preferencias manifestadas polas propias usuarias destes talleres nas ao redor de 600 enquisas realizadas ao respecto pola Concellería de Igualdade.
Así as cousas, o Concello de Ferrol ofertará seis obradoiros, que foron os máis demandados polas alumnas no pasado curso: informática, pilates, fotografía, memoria, zumba e ximnasia de mantemento. En ningún deles hai límite de prazas, agás nos de informática. O prazo de inscrición estará aberto até o día 5 do vindeiro mes de setembro. Soamente estará permitida a inscrición nunha destas actividades anuais por usuaria; e as solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol. Ademais, as alumnas poderán anotarse nos cursos puntuais que a Concellería de Igualdade organizará ao longo do ano, e que na tempada pasada se centraron en Economía Doméstica, Defensa Persoal, Nutrición e Autoestima.
Así mesmo, e seguindo coa práctica de descentralización das actividades de Igualdade, os obradoiros se impartirán na Biblioteca Municipal Central da praza de España, pavillóns polideportivos da cidade e Casa da Muller. Tamén as Asociacións de Mulleres do municipio poderán escoller as actividades que teñen interese en que se desenvolvan nos seus locais. Na anterior programación de Igualdade ocupáronse 5.000 prazas nos diferentes cursos ofertados pola Administración municipal.











