No concello da Laracha xa poden tramitarse as becas convocadas polo Ministerio de Educación
A Oficina de Información Xuvenil do Concello da Laracha está a disposición dos veciños do municipio que sexan estudantes universitarios ou alumnos de estudos postobrigatorios e superiores non universitarios que desexen tramitar a súa solicitude para participar na convocatoria das becas convocadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MEC).
No caso das bolsas de estudos de carácter xeral e de mobilidade para alumnos que cursen estudos postobrigatorios e superiores non universitarios, estas inclúen axudas económicas para alumnos matriculados en calquera dos dous cursos de Bacharelato, Formación Profesional (tanto de grao medio como de superior), ensinanzas deportivas, estudos de idiomas en escolas oficiais, así como en outros estudos de tipo superior de diferentes modalidades especificados na convocatoria do MEC. Para este grupo o prazo de presentación das instancias rematará o 30 de setembro.
En canto ao apartado de bolsas de estudos universitarias, as solicitudes poden tramitarse ata o día 15 de outubro. Van dirixidas a estudantes matriculados en estudos universitarios dentro do sistema español (excepto os de terceiro ciclo e doutorados, estudos de especialización ou títulos propios das universidades). Dentro desta modalidade de becas existen varios tipos diferentes: transporte urbano e material, mobilidade e as coñecidas como “beca residencia” e “beca salario”. O Ministerio tamén ofrece axudas para o proxecto fin de carreira en ensinanzas técnicas.











