Negreira asiste á apertura das novas instalacións deportivas da Fábrica de Armas

Carlos Negreira na visita ás instalacións
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá as novas instalacións deportivas que se puxeron, de maneira gratuíta, a disposición dos veciños -especialmente dos residentes de Palavea, Pedralonga, Santa Gema e Eirís- na Fábrica de Armas.
O alcalde explicou que esta primeira fase do proxecto realizouse en “tempo marca” para que os veciños poidan gozar das instalacións este mesmo verán. “É un día de especial satisfacción porque se salda unha débeda histórica cos veciños de Palavea, Pedralonga, Santa Gema e Eirís, pondo á súa disposición un espazo de convivencia nunha contorna onde poidan gozar e para que non haxa barrios de primeira e de segunda, para que todos os barrios sexan de primeira”, destacou o alcalde.
O Concello investiu nesta primeira fase do proxecto 250.000 euros, o que permitiu acondicionar as instalacións cedidas polo Ministerio de Defensa para uso e goce dos cidadáns de forma gratuíta. Así, o Goberno local acondicionou un aparcadoiro con capacidade para 52 vehículos, a senda, o control de acceso e dos vestiarios, e a zona polideportiva -un campo de fútbol sala, baloncesto e balonmán e outra pista de herba-, instalou unha zona de xogos para nenos de 2 a 10 anos á beira da piscina infantil -que tamén se habilitou-, unha lámina de auga e outra zona para eventos e lecer, ademais de traballos de iluminación e pavimentación e a posto en funcionamento da cafetaría.
A partir de outono realizaranse o resto de obras de acondicionamento desta parcela de 17.125 metros cadrados cedida polo Ministerio de Defensa, dos que 8.125 metros cadrados están dedicados a equipamento deportivo. A Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) encárgase da xestión deste equipamento deportivo e lúdico da Fábrica de Armas, ao que se pode acceder de maneira gratuíta.
Carlos Negreira, que agradeceu a colaboración das asociacións de veciños da zona, sinalou que esta actuación se enmarca dentro dun conxunto de obras que se executaron na zona de Palavea, Pedralonga, Santa Gema e Eirís para dotar a estes barrios de novos e mellores servizos. Neste sentido, o alcalde lembrou proxectos como a reforma do centro cívico de Palavea e a rehabilitación do antigo colexio de Pedralonga para convertelo en sede da Asociación Down Coruña, un inmoble onde compartirá espazo coa asociación de veciños do barrio.











