Negreira anuncia un investimento de 12 millóns de euros para o novo San Pedro de Visma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, José Liñares, anunciaron, esta mañá, o inicio das obras dos dous campos de fútbol que a entidade vai construír en San Pedro de Visma a principios de setembro. “Este será o primeiro paso para completar un equipamento de primeiro nivel que estará terminado no primeiro trimestre do ano”, subliñou Carlos Negreira. “Os protagonistas deste proxecto van ser os preto de 5.000 nenos e nenas da cidade que xogan ao fútbol. Son dous novos campos que atenden a demanda crecente e que reflicten, ademais, que o deporte base é unha prioridade para este Goberno local”, engadiu.

O alcalde explicou que, ademais dos dous campos de fútbol de herba artificial, a federación construirá a súa nova sede -que se empezará a construír a finais deste ano-, creándose así “unha unión indisoluble” entre A Coruña e a Federación Galega de Fútbol. O alcalde agradeceu á entidade “a súa sensibilidade” á hora de programar un investimento total que case alcanza os 7 millóns de euros.

Carlos Negreira lembrou que ambos os proxectos están dentro dun “plan global” -que alcanza máis de 100.000 metros cadrados- que se está desenvolvendo en San Pedro de Visma e que supón un investimento de 12 millóns de euros: os 7 millóns da federación e 5 millóns que se destinan para a construción do parque de Adolfo Suárez -3 millóns de euros- e de tres viarios novos -máis de 2 millóns- que permitirán mellorar a urbanización, a conexión e os equipamentos (beirarrúas, aparcadoiros e iluminación) do barrio: “Son proxectos que se van a plasmar nun par de meses e que van permitir un novo San Pedro de Visma en comunicacións, en equipamentos, en zonas verdes e en posibilidades de goce”, destacou o alcalde. “Estes 12 millóns de euros -continuou-, que se van a pór en marcha no último trimestre do ano, comunicarán esta zona e dotarana de instalacións”.

O presidente da federación destacou que “grazas á colaboración co Concello este proxecto vai ser unha realidade” e que suporá que “a casa do fútbol galego” estea na Coruña.

8 de agosto de 2014 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.