Neda instaura a Orde gastronómica do Bolo Cachado na vindeira Festa do Pan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNeda
A-
A+

Como vén sendo tradición, o primeiro domingo do mes de setembro celebraráse en Neda a súa Festa do Pan. Unha cita que, máis aló do ámbito local, xa é patrimonio galego grazas á súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia por parte da Xunta no 2013. Un recoñecemento que o Concello de Neda confía contribúa a aumentar o número de visitantes á cita este ano. Tamén con ese obxectivo, o alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, e a concelleira de Turismo, Montserrat Rico, presentaron esta mañá na Galería Sargadelos un completo programa de actividades para todos os públicos.

Tentando innovar, como sinalaba o rexidor, pero mantendo a fórmula de sempre, engadía a edil, xa que a xente responde positivamente edición tras edición. E, entre esas innovacións, ambos avanzaban a constitución da Orde gastronómica do Bolo Cachado e a designación dos primeiros cofrades da mesma. Así, Montserrat Rico sinalou que a Festa terá lugar o 7 de setembro, aínda que as actividades darán comezo o día anterior. O sábado, ás 10,30 horas, partirán do adro da igrexa de Santa María os participantes na tradicional Ruta dos Muíños. Unha andaina aberta á participación de todo aquel interesado en coñecer a historia do pan local e observar de preto os antigos muíños que o elaboraban e o privilexiado entorno natural da real vila. Non só iso, ao remate da ruta, no Roxal, poderán degustar os productos típicos antes do regreso.

O prazo para anotarse está aberto e a inscripción deberá realizarse antes do 4 de setembro na Casa da Cultura de Neda. Xa pola tarde, o protagonismo será exclusivo para os máis pequenos da casa, xa que a concelleira avanzou a celebración da segunda edición do Peke Pan. No entorno do paseo marítimo de Xubia, nenos e nenas poderán participar a partir das 18,30 horas nun obradoiro de elaboración de pan –no que colabora panadería Binuca e, dende as oito horas, disfrutar de coreografías, bailes e moitas actividades nunha festaverbena infantil.

Ao día seguinte, sábado 7 de setembro, Neda invitará de novo a veciños e visitantes á súa Festa do Pan. O alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, destacou que, coa ela, Neda pon en valor o seu producto gastronómico por excelencia. Aquel que durante séculos convertiu á real vila en capital do trigo de Galicia. Ao respecto, lembrou que a orixe da tradición panadeira de Neda remóntase á Idade Media, cando nacen importantes industrias, como os muíños de trigo, en torno ao río Belelle, ao seu paso pola localidade, onde forma o Salto da Fervenza. Salientou que a calidade das súas augas dan como resultado un pan sen comparación e que incluso Felipe II, xa en 1558, elixe á vila para o asentamento das chamadas Casas Reais, fábricas de bizcoito e fornos de provisión con destino ás Armadas dos Reis de España. Unha calidade que nace das mellores augas do país para a elaboración de pan, tal e como posteriormente corroboraron estudos científicos. E unha calidade que se mantén ata os nosos días, engadiu. Veciños e visitantes poderán comprobalo ese 7 de setembro, cando se acheguen ao Paseo Marítimo para asistir á Festa.

Nesta liña, Montse Rico explicou que as panaderías iniciarán a venda de pan, empanadas ou repostería a partires das 10 horas. Instalarán os seus postos La Nueva, Santa Rita, Jose Castro, Paca Castro e, como industria colaboradora, Roberto González. En torno ás 12,30 horas, dará comezo o pregón co xornalista Germán Castro como mestre de ceremonias. Dará paso a José Ignacio Landaluce, alcalde de Alxeciras, cidade irmandada con Neda, encargado este ano da lectura do pregón co que se inaugurará a festa. Coa súa presenza, o alcalde de Neda quere retomar a irmandade entre ambas vilas. Sinalou que tamén se tiña cursado invitación a Paco Esteban, primeiro edil de Alxeciras no momento no que se instituíu esa especial relación, e confiou en poder contar co seu visita.

Tras o pregón, chegará o momento da presentación da Orde gastronómica do bolo cachado, típico nas panaderías de Neda. Ignacio Cabezón avanzou que este ano se designarán os primeiros cofrades, obrigados a xurar a súa fidelidade ao pan cun compromiso creado por Vicente Araguas, escritor e fillo predilecto de Neda. Así mesmo, o cantautor ferrolán Marcos Mella amenizará a sesión vermut e, a partir das 13,30 horas, dará comezo a tradicional comida popular. O menú, de doce euros, inclúe empanada, arroz con polo, churrasco, bola de Neda e café, así como bebidas e, como non, o tradicional pan da real vila. Este ano, a concelleira de Turismo apuntou a intención do Concello de pór fin definitivamente ás colas que tradicionalmente se producen no entorno da carpa e, para iso, os tickets serán numerados e o xantar serviráse na mesa. Así mesmo, a edil apuntou que os máis pequenos da casa recibirán a visita, durante a tarde, de Monsterchef, un simpático personaxe que fará as delicias dos máis pequenos. E outro grupo da comarca, Parranda La Nuestra, con epicentro en Neda, amenizará a tarde co seu mellor repertorio.

A Festa concluirá este ano cunha actuación de luxo: a Gallaecia Big Band. Traerá o seu espectáculo Gallaecia All Stars, cunha coidada posta en escea pensado para todo tipo de público. A formación realiza unha viaxe aos tempos das grandes Big Bands dunha forma amena e con esceas de humor que diferencian este espectáculo doutras formacións musicais. Dende o seu nacemento, ten colaborado en varias ocasións coa Televisión de Galicia e o seu repertorio é unha coidada selección dos clásicos do swing, latin e boleros, así como grandes clásicos galegos. Conta con trece músicos que forman a Big Band, dous cantantes de luxo, Sergio Zearreta e Paty Lesta, e dous convidados estrela, Sito Sedes e Luis Iglesia, que conseguirán que esa xornada sexa inolvidable e que o público non pare de sorrir, lembrar e bailar. Durante todo o día, o público poderá visitar a exposición dos traballos presentados ao concurso de carteis da Festa do Pan e acceder a información turística nun stand habilitado polo Concello. Por último, alcalde e concelleira fixeron unha invitación moi especial á cidadanía para que secunde a cita e disfrute do mellor pan de Galicia.

29 de agosto de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.