Navantia considera complicado realizar o dique flotante sen incorrer en axuda pública
Navantia considera que a operación de construción do dique flotante en Ferrol “dificilmente podería levarse a cabo sen incorrer nunha axuda pública ou financiamento privilexiado, contrarias a Dereito comunitario”, indicaron fontes oficiais da empresa pública.
Esta é a conclusión dos servizos xurídicos de Navantia tras analizar a resposta a unha consulta de España emitida pola Dirección Xeral de Competencia da Comisión Europea sobre este asunto, na que se considera que os termos nos que se formula a construción dun dique flotante en Ferrol para a reparación de grandes barcos, gaseros incluídos, pode ser axuda de Estado.
Unha vez estudada a resposta remitida por Bruxelas, os servizos xurídicos de Navantia constatan a dificultade para desenvolver o proxecto “tendo en conta as necesidades económicas” deste.
Malia que a Dirección Xeral de Competencia sinala en varias ocasións que existen aspectos non definidos do proxecto, dende Navantia xa se extraeron varias conclusións acerca da posición comunitaria.
CONCLUSIÓNS
A primeira é que, o se o proxecto recibise algún tipo de axuda estatal, Navantia sería considerado a beneficiaria das axudas de Estado.
A segunda consiste en que, se o financiamento público do proxecto se concedese en condicións “non de mercado”, o risco de que se considere que o devandito financiamento supón unha axuda de Estado “sería moi elevado”.
Os servizos xurídicos de Navantia tamén consideran que a compatibilidade eventual de todo potencial apoio público está supeditada ao respecto dos teitos de axuda rexional á inversión fixados pola Comisión para grandes empresas (15%).
Estes límites “resultan moi inferiores á intensidade de axuda, superior ao 50%, xulgada necesaria para posibilitar a viabilidade do proxecto,” sinala Navantia.
Por último, a sociedade pública recoñece que a existencia de axudas a Navantia “constitúe un factor de potencial distorsión de competencia” nun sector aberto a esta como o de reparación naval”.
NEGATIVA DE BRUXELAS
Na súa resposta á consulta formulada por España, a Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea advirte reiteradamente da posibilidade de incorrer en axudas estatais ou financiamento privilexiado, o que contravén o dereito comunitario.
En concreto, os servizos da Dirección Xeral da Competencia consideran que “non se pode excluír con certeza a presenza de axuda estatal” no proxecto de construción dun dique flotante para Navantia”.
A falta de definir máis o proxecto, segundo a Comisión Europea, “non parece que a intervención de investidores privados permita considerar a operación como pari passu (en igualdade de condicións) e excluír deste modo a presenza de axuda estatal”.











