Narahío, San Sadurniño e Capela mediranse na vixésima edición do Trofeo de fútbol de San Sadurniño
O campo da Veiga, en Naraío, volverá acoller o xa tradicional trofeo municipal de fútbol. Será o domingo 17 de agosto e reunirá tres equipos da volta que garanten espectáculo no terreo de xogo e unha boa entrada nas bancadas. Canda ao anfitrión, o Narahío, saltarán á herba da Veiga o C.F. San Sadurniño e a S.D.C. Capela.
O triangular comezará ás 18 horas e xogarase con partidos de 45 minutos e un descanso de un cuarto de hora entre cada un deles. O primeiro encontro enfrontará ao C.F. San Sadurniño coa U.D.C. Narahío. Un lance que seguramente sexa intenso pola rivalidade histórica que existe entre os dous equipos locais, que volverán atoparse na liga esta temporada tralo ascenso do C.F. San Sadurniño á segunda autonómica.
O segundo partido enfrontará ao perdedor do San Sadurniño-Narahío coa S.D.C. Capela, un dos equipos que máis xente arrastra canda si cada vez que xoga fóra da casa. Os dos Calzados disputarán, ademais, o terceiro encontro contra o vencedor do xogado ao comezo do triangular.
O XX Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño será a primeira contenda deportiva na que os equipos porán a proba as súas escuadras, moi renovadas no caso do Narahío e do Capela.











