MundiNova incorpórase á Asociación Internacional de Relacións Públicas

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

MundiNova Consultores de Comunicación converteuse recentemente en novo membro da Asociación Internacional de Relacións Públicas (IPRA), co obxectivo de afianzar a súa presenza no mercado nacional e internacional das relacións públicas.

A incorporación da consultora galega á maior rede de profesionais do sector a nivel mundial responde á política de expansión e apertura de novos mercados da compañía, que poderá establecer novas sinerxías profesionais con consultoras e axencias de todo o mundo, mellorando o seu posicionamento e ampliando a ampla gama de servizos que ofrece aos seus clientes en materia de comunicación.

Para Tesa Díaz-Faes, directora de MundiNova, “formar parte desta asociación daranos maior visibilidade no sector, permitíndonos ampliar a nosa rede de contactos e profundar nas novas tendencias que están a seguir no ámbito internacional. Estou segura que pertencer a IPRA reforzaranos profesionalmente e enriquecerá o noso traballo de cara aos nosos clientes”.

Ademais, MundiNova colaborará na difusión no noso país da actividade da Asociación e participará activamente nas accións que se realicen desde IPRA.

Referentes no noroeste peninsular

MundiNova Consultores de Comunicación é unha consultora de comunicación e relacións públicas que traballa para empresas, asociacións empresariais e organismos públicos, con oficinas en Galicia e Madrid. Desde unha perspectiva baseada no coñecemento, experiencia e innovación, MundiNova crea, desenvolve e executa os máis diversos plans de comunicación integral para obter o éxito nos resultados dos plans de negocio dos seus clientes.

Desde o seu nacemento, en 2007, MundiNova situouse como especialista no norte peninsular, xestionando contas pertencentes a sectores estratéxicos, como alimentación e distribución, construción, educación, enerxías renovables, banca, finanzas, novas tecnoloxías e innovación, medio ambiente, etc. Tamén dirixe a comunicación de asociacións empresariais de diferentes sectores de actividade, administracións públicas e organismos sen ánimo de lucro, entre outros.

Trátase da primeira consultora de comunicación no norte peninsular con certificado de Calidade na norma ISO9001, Medio Ambiente ISO14001 e EMAS e da primeira consultora certificou a súa Memoria de Sustentabilidade coa GRI REPORT. A súa directora, Tesa Díaz-Faes, é ademais membro de Dircom e presidenta da Asociación da Prensa de Vigo.

Sobre IPRA

A Asociación Internacional de Relacións Públicas (IPRA) creouse no ano 1955 co obxectivo de fomentar as prácticas éticas na comunicación e a mercadotecnia mundial, sendo o seu instrumento principal o Código de Atenas (a norma básica para a gran maioría de asociacións de axencias de comunicación mundiais). A súa misión é proporcionar liderado intelectual na práctica das relacións públicas internacionais e pór a disposición dos seus membros os servizos que lles axuden a cumprir coas súas responsabilidades e ter éxito nas súas carreiras.

IPRA conta actualmente con 700 membros de 80 países, o que a converte na maior comunidade de profesionais das relacións públicas de todo o mundo.

5 de agosto de 2014 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.