Mostrart érguese como escaparate de referencia do produto artesán galego

A directora Xeral de Comercio en Mostrart
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou a Mostrart, que se celebra ata o 17 de agosto nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, como o escaparate de referencia do produto artesán galego, un evento que na súa 30ª edición se ten consolidado como o certame de venda directa de artesanía de maior relevancia do verán. A directora xeral participou na inauguración da feira de este ano, na que tamén estiveron presentes a concelleira de Cultura da Coruña, Ana Fernández, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro.
Mostrart, organizada pola Asociación Galega de Artesáns e na que participan un total de 54 obradoiros, trae ao corazón da Coruña os oficios tradicionais a través de Artesanía de Galicia, permitindo amosar aos milleiros de visitantes e turistas que se achegan estes días á cidade a tradición e a vangarda que se unen no traballo dos artesáns galegos, ao tempo que supón un valor engadido á oferta cultural e turística. A través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, a Consellería colabora con esta nova edición de Mostrat cun investimento de 17.500 euros.
Durante o acto de inauguración, a directora xeral sinalou que a Xunta asenta o seu respaldo ao sector artesán galego en tres piares fundamentais: a aposta pola innovación e o deseño, fomentando a adaptación ás novas tendencias do mercado e a colaboración con novas disciplinas; a formación e especialización dos profesionais; e a mellora da comercialización. Nesta última liña estratéxica enmárcase o apoio a eventos como Mostrart, que serven como plataforma de divulgación dos oficios e da marca Artesanía de Galicia, así como un espazo de exhibición e venda das pezas da artesanía galega.
Durante 15 días, Mostrart permítelle aos visitantes entrar en contacto directo cos propios artesáns, que están especializados nunha grande variedade de oficios diversos: téxtil, coiro, xoiaría, bixutería, complementos, encaixes, serigrafía, vidro, cerámica, xoguetes, cartón pedra, madeira ou olería.
Os obradoiros artesáns que se poderán ver en Mostrart durante todos os días da feira son A Feitura (A Coruña), Ardentía, Deseño en Prata (Bergondo), Arteia-Estudio (A Coruña), C. Canoura Deseño (Culleredo), Cabuxa (Tui), Cerámica e Prata – F. Porto (A Estrada), Charamusca Cartón Pedra (Carnota), Chueco (A Coruña), Cuaderna Maestra (Pontecaldelas), E. Ferro (Merza), Encaixes Melania Camariñas (Camariñas), Encoiros (Vigo), Fiada Tecido Manual (Carral), Gelina Camariñas (Camariñas), Joyas de papel (Nigrán), Laia Zapateiros (Melide), María Feijoo (Santiago de Compostela), Maysil (A Estrada), Montse Betanzos (O Grove), Pablo Leal (Teo), Regal Cerámica Artesán (Viveiro), Rosa Higuero (Cabanas), Rosa Méndez (Santiago de Compostela), Sánchez-Cano Orfebres (Vigo), Santín (Cambre), Taller Amona (Cabanas), Varo Caride (Vigo), Ventanas al Pasado (Ponteareas) e Vidal Revilla (Cervo).
Os expositores que participarán exclusivamente durante a primeira parte da feira, do 1 ao 10 de agosto, son Arela de Fe (Oia), Artefíos (A Coruña), Coas Mans Artesanía (Silleda), Coiro Enxebre (Gondomar), Ferreira Cerámica (Vigo), Flecharte (Vigo), Liño de Galicia (Zas), María Meda (Vigo), Paca Peca (Santiago de Compostela), Taller Viola (Oza-Cesuras), Tallería Cristal (A Coruña), Ventura Xoias (A Coruña) e Zimzelatum (Gondomar). Do 11 ao 17 de agosto, participarán A. Outeriño: Tecido Artesán (Ourense), Artesanía en Plata (Marín), Bruxarte (Vigo), Choridas (Carral), Engrudo (A Coruña), Estiva da Vella (Ferrol), Jatafarta (Santiago de Compostela), La Mar Océana (Muros), Mandarina Cat (Fene), Manolo Tojo (Santiago de Compostela), Silvereira (Teo) e Taller Sur (Marín). O horario de apertura ao público é de 11 a 14 e de 17:30 a 22 horas.











