Mos disporá de operarios da Diputación para mellorar o Camiño de Santiago ó seu paso pola localidade
A alcaldesa de Mos acompañada polos concelleiros mosenses de Limpeza Viaria, Cultura e Deportes, Cándido Pérez, Sara Cebreiro e Isidoro Táboas, respectivamente, está a percorrer o tramo do Camiño de Santiago Portugués para detectar as necesidades nel existentes; xa que o vindeiro luns, día 1 de setembro, comezarán a traballar 8 operarios na súa optimización.
Estes traballos serán posibles gracias á Deputación de Pontevedra, que contrata a estas 8 persoas que o luns iniciarán os labores de desbroce e limpeza no Camiño, a modo de axuda ó Concello de Mos e para aportar apoio loxístico no mantemento do tramo mosense. As de desbroce e limpeza serán as tarefas fundamentais a acometer, aínda que tamén se mellorarán todo tipo de deficiencias no caso de que sexa necesario, tales coma, por exemplo, reposición de sinalización, se fai falla, e outro tipo de necesidades.
As melloras no Camiño de Santiago ó seu paso por Mos prolongaranse durante un período de seis meses. Sobre estes traballos a rexedora local mosense fai unha valoración moi positiva xa que “tratábase dun labor necesario posto que cada vez son máis os peregrinos que realizan o Camiño Portugués e que, polo tanto, pasan polo Concello de Mos”, explica Arévalo.
E é que dende o pasado 18 de xuño foron 1.000 visitantes os que empregaron o servizo da Oficina de Turismo de Mos, dos cales 921 eran peregrinos realizando o Camiño de Santiago Portugués (918 ían a pé e 3 en bicicleta). Estes datos son parciais, xa que a Oficina de Turismo abre en horario de mañá e non tódolos peregrinos entran na caseta a solicitar información. Pero a pesar de ser parciais, as cifras son moi representativas do gran número de peregrinos que pasan por Mos facendo o Camiño de Santiago.
O perfil medio do peregrino que pasa pola Oficina de Turismo de Mos soe ter entre 35 e 60 anos, ser de nacionalidade española e non galego, e indistintamente home ou muller (a porcentaxe de peregrinos de cada sexo atópase ó 50%).











