“Mergúllate no Océano” achega a ciencia mariña a Nigrán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

O concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Vidal Meneses, e a concelleira de Promoción empresarial, Comercio e Emprego, Rosa Rodríguez, inauguraron hoxe en compaña do director do Campus do Mar, Emilio Fernández Suárez, o proxecto “Mergúllete no océano”, una acción de divulgación científica promovida polo Campus do Mar e o Concello de Nigrán, que se instalará na rúa Vista ao Mar para achegar as ciencias e tecnoloxías mariñas á sociedade e concienciar sobre a importancia que para o progreso da humanidade teñen o coñecemento e a conservación dos océanos.

Durante os dous días nos que “Mergúllate no Océano” estará no Val Miñor, os participantes poderán sentirse como auténticos científicos mariños realizando coas súas propias mans sinxelos experimentos e descubrindo como funcionan os océanos. Esta proposta divulgativa para todas as idades está promovida polo Campus de Excelencia Internacional – Campus do Mar co apoio do Concello de Nigrán e o financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e tras catro años en activo consolídase como o proxecto de divulgación científica máis importante a nivel nacional.

Mergúllate no Océano concébese como un recinto expositivo duns douscentos metros cadrados de extensión no que, a través de sete obradoiros, descubriremos por exemplo de onde procede o peixe que comemos habitualmente, como funcionan as correntes mariñas, que hai nunha pinga de auga de mar, os impactos que ten a acidificación dos océanos derivada das emisións de CO2, ou a importancia que teñen as dunas.

Os monitores, titulados universitarios expertos en divulgación, buscan en cada unha das actividades implicar ao público asistente e espertar a súa curiosidade plantexándolles pequenos retos para que, como fan día a día os investigadores, podan chegar a descubrir o funcionamento do mar e dos seres que o habitan.

Aqueles que queiran participar nesta experiencia recibirán á entrada un pasaporte que deberán ir selando en cada un dos obradoiros a medida que van completando as diferentes actividades propostas, que abranguen ámbitos tan variados como a Ecoloxía, a Bioloxía, a Oceanografía ou as tecnoloxías aplicadas ao medio mariño. Unha vez acaden todos os selos serán xa uns auténticos científicos mariños e poderán cambiar o seu pasaporte por un pequeno agasallo á saída.

Os obradoiros de Mergúllate no Océano estarán abertos ininterrumpidamente mércores e xoves entre as 11 e as 20:30 horas, con entrada libre para todos os interesados en aumentar o seu coñecemento sobre o medio mariño e pasar un bo rato aprendendo.

Nigrán constitúe a penúltima parada desta acción que durante os meses de xullo e agosto está a percorrer por cuarto ano consecutivo diferentes vilas galegas como Vigo, Vilagarcía de Arousa e Camariñas, onde participaron cerca de 6.000 persoas, e Cangas do Morrazo, dentro do programa de divulgación científica do Campus do Mar, un proxecto promovido polas tres universidades de Galicia, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas e o Instituto Español de Oceanografía e no que participan 25 universidades, centros e plataformas tecnolóxicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal con intereses na docencia e investigación mariña.

13 de agosto de 2014 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.