Mercedes Martínez Plasencia recupera a memoria do balneario de Ponte Caldelas nunha maxistral conferencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+

A historiadora Mercedes Martínez Plasencia protagonizou unha maxistral conferencia sobre as orixes históricas do Balneario de Ponte Caldelas nun acto celebrado no Centro Cultural dentro do elenco de actividades enmarcado no programa das Festas das Dores que organiza o Concello.

A presentación do acto correu a cargo do alcalde, Perfecto Rodríguez, quen destacou a traxectoria persoal e humanística de Mercedes Martínez Plasencia a quen agradeceu os seus esforzos por recuperar e divulgar os principais feitos históricos que rodean a Ponte Caldelas e a súa comarca. Rodríguez, que definiu a Martínez Plasencia como cronista extraoficial de Ponte Caldelas, fixo unha pequena descrición dos moitos traballos de recuperación histórica realizados pola estudiosa e agradeceu “o seu compromiso coa divulgación cultural do patrimonio inmaterial que atesoura a nosa historia”.

Mercedes Martínez Plasencia centrou a súa intervención no período histórico comprendido polos anos 1895 e 1910 facendo unha pequena introdución sobre a orixe romana do topónimo de Ponte Caldelas e a súa clara relación coa existencia de mantiales de augas quentes na zona.

Martínez Plasencia expuxo dunha maneira moi didáctica e pedagóxica aspectos fundamentais relacionados coa historia previa do Balneario e que viraba ao redor da existencia de tres mananciais do que manaba o peculiar líquido elemento. Tratábase dos efluentes das Ceñas, Caldas e o de O Coto do Muíño.

Ademais de dar todo tipo de detalles sobre os resultados das análises químicas realizados sobre estas augas practicados por prestixiosos médicos do momento, entre eles Anselmo Bonilla, e das súas aplicacións prácticas para tratar determinadas doenzas relacionadas sobre todo con problemas de pel e dermatolóxicos, Martínez Plasencia detívose en analizar a figura dun dos personaxes crave á hora de crear o Balneario de Ponte Caldelas. Tratábase do veciño de Anceu Castor Garrido.

Segundo Mercedes Martínez, Castor Garrido foi un adiantado ao seu tempo e un auténtico emprendedor que viu desde o primeiro momento as posibilidades reais que tiña a explotación mineiro-medicinal dos tres mananciais situados na marxe dereita do río Verdugo.

Para pór en marcha o balneario tivo que facerse co terreo necesario e conseguir a pertinente autorización gubernativa. Así, este establecemento foi inaugurado o xoves 20 de xuño de 1895 con presenza de destacadas personalidades do mundo da política, a cultura e a Prensa do momento. Constaba dun edificio de planta baixa con dez habitacións para baños, dous salóns de descanso e un cuarto de maquinaria para a gradación das augas. Contiguo ao Balneario había un barracón con caldeira ou condensador, para duchas, inhalacións, etc.

A medida que foi desenvolvéndose o negocio, polo que foron pasando personaxes destacados da vida social e política do momento, Castor Garrido viu a necesidade de dotar ao establecemento dun hotel o que lle fai entrar en sociedade co empresario da capital Benito Corbal. En primeira instancia véndelle a metade dos terreos e dereitos sobre as augas e ao final o pontevedrés quedaría con todo por un importe que roldaría as 65.000 pesetas do ano 1897.

O Balneario, baixo a propiedade de Benito Corbal alcanzaría o seu máximo apoxeo con presenza de usuarios que veñen de todas as partes de Galicia a facer uso das milagrosas augas de Ponte Caldelas. Tamén se embotellan e etiquetan para poder aplicar o tratamento lonxe das beiras do río Verdugo.

Pasaron anos de extraordinaria puxanza até converterse nun dos establecementos de moda no termalismo en Galicia ata que a fatídica noite do 2 de abril de 1910 un incendio de orixe descoñecida acaba por reducir a cinzas o soño de futuro e progreso de Ponte Caldelas.

Segundo a historiadora, a pesar de abrirse unha investigación a través do interrogatorio de distintas persoas de Ponte Caldelas que acudiran a tentar sufocar o incendio, avivado por un pertinaz vento, así como tres traballadores que esa mesma mañá estiveran facendo reparacións e labores de mantemento no Balneario, non se puido aclarar a orixe do sinistro.

Xa non volvería reconstruírse o Balneario e o soño emprendedor de Castor Garrido e o seu continuador, Benito Corbal, quedou reducido a cascallos aínda que, ao parecer puideron ser salvados varios aveños existentes no interior do edificio incendiado.

A pesar de varios intentos do Concello e das forzas vivas de Ponte Caldelas, Benito Corbal declinou a posibilidade de volver pór en marcha o Balneario, iniciativa que aínda segue viva na conciencia colectiva dos habitantes deste municipio.

Mercedes Martínez Plasencia finalizou a súa intervención lembrando que as augas milagrosas seguen estando aí e o Balneario segue sendo unha alternativa moi presente para o futuro de Ponte Caldelas. Tanto Martínez Plasencia como o alcalde Perfecto Rodríguez fixeron públicos os seus votos para que pronto xurda un novo Castor Garrido que volva crear ilusión e futuro para Ponte Caldelas a través do rexurdir do Balneario.

29 de agosto de 2014 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.