Maxi Kleber e Adam Waczynski veranse as caras no primeiro partido clasificatorio do Preeuropeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Até catro xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro atópanse concentrados coas súas respectivas seleccións durante este mes de agosto, trátase de Pavel Pumprla e Rafa Luz, que xa estiveron ás ordes de Moncho Fernández a pasada tempada, e as recentes fichaxes,Maxi Kleber e Adam Waczynski.

Rafa Luz, recentemente incluído na convocatoria da súa selección, é o único que ten opcións de disputar o Mundial de Baloncesto que se disputará en España entre os días 30 de agosto e 14 de setembro. En caso de ser seleccionado, enfrontaríase á selección española na primeira fase de grupos.

Os outros tres xogadores obradoiristas, Pavel Pumprla, Maxi Kleber e Adam Waczynski, xogarán este verán o Preeuropeo 2015, onde buscarán unha praza para o Eurobasket 2015, que aínda non ten unha sede definitiva dado que a FIBA decidiu cancelar a súa celebración en Ucraína ante os enfrontamentos que aínda sacoden o país. Tan só 14 seleccións conseguirán unha praza para o Torneo, para o cal xa están clasificadas as dez seleccións continentais que disputan o campionato do mundo.

Os novos xogadores do Rio Natura Monbus Obradoiro Adam Waczynski e Maxi Kleber veranse as caras nun dobre enfrontamento os días 10 e 20 de agosto no Grupo C, no que tamén están incluídos Austria e Luxemburgo.

Por último, o renovado xogador obradoirista Pavel Pumprla tentará coa súa selección, República Checa, volver estar nun Europeo sendo un dos capitáns do seu equipo nacional. A República Checa está encadrada no Grupo E con Portugal, Xeorxia e Hungría.

Os primeiros clasificados de cada grupo e os seis mellores segundos conseguen unha praza para o próximo Europeo.

8 de agosto de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.