Mario Sandoval, Premio Nacional de Gastronomía, participará na Compostela Gastronómica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A nova Aula Gastronómica do Mercado de Abastos de Santiago acollerá do 19 o 28 de setembro as xornadas de Compostela Gastronómica dirixidas ao sector profesional da cidade. As xornadas estarán impartidas por algúns dos máis recoñecidos e premiados xefes de cociña galegos e españois. Mario Sandoval (Premio Nacional de Gastronomía 2013), Francis Paniego (Premio Nacional de Gastronomía 2011, 2 estrelas Michelin), Luis Veira (1 estrela Michelin), Beatriz Sotelo (1 estrela Michelin), Flavio Morganti e Antonio González, forman parte do grupo de reputados xefes de cociña cos que os cociñeiros da cidade terán a posibilidade de compartir ideas e experiencias.

O programa de obradoiros profesionais de Compostela Gastronómica estruturarase en torno a catro eixos temáticos: Territorio e produto, Da tradición á modernidade, Tendencia e evolución e Imaxinación ao poder. A través de demostracións prácticas (en formato showcooking) e relatorios de carácter ameno, os mestres cociñeiros brindarán aos asistentes exemplos concretos para os seus negocios, adaptándose ás características concretas do sector en Santiago.

Co obxectivo de que os obradoiros sexan o máis dinámicos e participativos posible, as prazas terán un número limitado. O período de inscrición abrirase nos próximos días, a comezos do mes de setembro.

Ademais das xornadas profesionais, o I Festival da Cociña Galega Compostela Gastronómica contará cun amplo programa de actividades pensadas para tres tipos de público: produtores e profesionais do sector da gastronomía; xornalistas e creadores de opinión especializados nos sectores de viaxes e de gastronomía; e público final, tanto composteláns e galegos coma visitantes e turistas.

O festival concíbese baixo a filosofía de “coas mans na masa”, de forma que o asistente poida sentirse parte da experiencia do evento, nunha intervención integral na que participan a propia arquitectura da Praza de Abastos, os postos do mercado, os produtores, os cociñeiros, a cidadanía e o conxunto de servizos da cidade.

Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

26 de agosto de 2014 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.