Mantense o concerto de Soziedad Alkohólika en Pontevedra malia o rexeitamento dun grupo de policías
O Concello de Pontevedra non cancelará o concerto de Soziedad Alkohólika previsto para este sábado ás 22,30 horas na Praza de España -inaugurando as Festas da Peregrina- a pesar da protesta dun grupo de axentes de policía, que presentaron por rexistro unhas 200 sinaturas solicitando a supresión desa actuación polas letras dalgunhas cancións da banda que, segundo denunciaron, “vexan ás vítimas” da violencia terrorista e “propugnan a violencia”.
O voceiro dos impulsores desta iniciativa e anterior secretario do Sindicato Unificado de Policía en Galicia, José Freire, lamentou a “pouca dignidade” da Casa do concello por esta contratación “cuns 20.000 euros dos cidadáns” e criticou aos responsables municipais porque “poñen o berro no ceo porque lle dedican o Día das Letras Galegas a Filgueira Valverde pola súa connotación franquista e non teñen a decencia”, segundo Freire, de retirar esta actuación do programa festivo.
José Freire referiuse ao contido dalgunhas cancións que, segundo afirmou, acusan os policías e gardas civís como “lameculos del poder”, “esclavo de la ley”, “carroñero coronel”, e destacou frases como “volar como Carrero”, “explota cerdo” ou “mira que saco el fusto y te vuelo el cráneo”, argumentando que “atentan contra a dignidade” dos membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e dos seus achegados.
“Fai 38 anos que vivimos estas ameazas os policías, gardas civís e cidadáns correntes que deixaron a súa vida a mans dos que seguen alentando e ameazando”, censurou o impulsor desta acción, que cualificou como unha “forma testemuñal de dicir que non se está de acordo” e de escenificar un “testemuño de honra ás vítimas” da violencia.
Para José Freire, a negativa do Concello a atender a súa reivindicación forma parte da actual tendencia a “esquecer as vítimas, pasar páxina, deixar que triunfen os violentos e indemnizar os familiares para que estean calados”. Aínda así, o exdirixente do SUP advertiu de que “ETA e estas letras non se poden esquecer e hai que xulgar a quen comete un atentado terrorista”.
A pesar de que Soziedad Alkohólika foi absolvido polo Tribunal Supremo de anteriores acusacións de enaltecemento do terrorismo, para Freire “estas letras son delituosas”, ao tempo que cuestionou a calidade artística do grupo e a “calidade da xente que acuda” como público. Malia seguir en cartel, José Freire mostrouse partidario de “non boicotear” o concerto.
“CONTRADITORIO”
Pola súa banda, a concelleira de festas, Carme da Silva, cualificou de “contraditorio” o comportamento dos axentes que subscribiron esta queixa, argumentando que están a “avivar unha polémica que saca o peor da xente cando as festas sempre se viviron con tranquilidade”.
Para Da Silva, “non é lóxico, nin profesional, nin ético, nin axeitado que os membros dos Corpos e Forzas de Seguridade que secundaron o escrito” son os que profesionalmente se teñen que salvagardar a seguridade dos que actúan e dos que asisten ao concerto porque lles gusta o grupo”. A edil nacionalista reprochoulles que “son os que están a xerar un posible problema”.
Carme da Silva sinalou que Soziedad Alkohólika “actúa legalmente por todo o Estado” e puxo como exemplo un recente concerto do grupo no municipio de Rota, gobernado polo PP, “e non pasou nada”. Ademais, referiuse ao “quebranto económico” que lle suporía a Pontevedra a ruptura dos contratos, “programados e anunciados con antelación”.
Así as cousas, a concelleira de festas fixo un chamamento á cidadanía para que “goce das festas e non atenda ningún intento de provocación”.











