Mañá comeza o torneo do verán II Desafío Star Center
O torneo de fútbol sala máis esperado do verán terá lugar este venres e sábado en Santiago. O Multiusos Fontes do Sar será escenario do II Desafío Star Center, no que participarán catro equipos da elite do fútbol sala nacional.
O Burela FS e a Palma Futsal serán os encargados de abrir o torneo co primeiro partido das semifinais, o venres ás 19 h. A continuación, ás 21 h., o Santiago Futsal medirase, na segunda semifinal, ao Uruguai Tenerife, equipo recentemente ascendido á máxima categoría. Antes do partido celebrarase a presentación do primeiro equipo e a afección poderá coñecer aos novos xogadores do club que defenderán o escudo do Santiago Futsal esta tempada. Tamén poderán presenciar a presentación do primeiro equipamento do equipo que lucirá a tempada 14-15.
De cara ao partido de mañá, Santi Valladares afirma que “esta é a nosa cuarta semana de pretemporada e o obxectivo de face ao torneo é seguir construíndo ao equipo, xa que tivemos moitas incorporacións. É o noso torneo e tentaremos facer, como en cada partido, todo o posible para gañar, pero medímonos a equipos de Primeira que se reforzaron moi ben.”
O acceso ao Multiusos Fontes do Sar realizarase pola entrada principal do recinto. Facilitaranse 3 portas de acceso segundo o modo de entrada. A porta 1 será para as persoas que accedan coas invitacións recollidas nas tendas Star Center, a porta 2 destinarase a aquelas persoas que compren a entrada no momento de acceder (5€ adultos e menores de 18 anos 2€), e a porta 3 será para aquelas persoas abonadas esta tempada, que poderán recoller o seu abono no momento de acceso mostrando o resgardo de abono. Tamén poderá reservase o abono no momento de acceso accedendo pola porta 3 e efectuando o pago correspondente do abono no momento de realizalo.
As portas abriranse unha hora antes do comezo do primeiro partido; o venres ás 18h e o sábado ás 17h. Ademais, haberá inchables para os nenos no recinto durante todo o tempo de duración do torneo (venres e sábado) e sorteásense produtos Star Center nos descansos dos partidos.











