Máis de 900 participantes congregaranse en Panxón na cuarta edición da Nigrán Area
A Carreira pola Praia Nigrán Area logra na súa cuarta edición un novo record de participación ao congregar a máis de 900 persoas, 200 inscritos máis que en 2013. “Unhas cifras que avalan a consolidación do evento deportivo do verán en Nigrán, recuperado polo actual goberno municipal o primeiro ano de mandato”, apuntou o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde.
Aínda que as probas disputaranse a partir das 11.00 horas, a praia de Panxón estará lista para ir recibindo aos participantes máis madrugadores desde primeira hora da mañá do próximo domingo 10 de agosto. Os primeiros en responder o disparo de saída será a categoría cadete, aos que seguirán os infantís, alevíns e benxamíns, que realizarán percorridos de 2.000, 1.500,1.000 e 500 metros, respectivamente.
A proba da categoría absoluta está prevista para as 12.00 horas, na que os máis de 400 participantes deberán realizar seis quilómetros sobre a area nun percorrido de ida e volta ao longo da praia de Panxón e Praia América.
Os máis pequenos, prebenxamíns e pitufos, serán como é habitual os responsables de pechar a cuarta edición da Nigrán Area, que deberán percorrer 300 e 100 metros respectivamente.
Valverde destacou na súa intervención o marco natural do evento -as praias- así como o crecemento meteórico desta carreira popular, recuperada en agosto de 2011 co obxectivo de consolidala como unha cita deportiva ineludible para os veciños deste municipio e da comarca. “Aínda que os datos de participación demóstrannos que a aposta pola Nigrán Area foi un claro acerto, seguiremos traballando para que, da man do club organizador, Sociedade Atlética Val Miñor, esta carreira pola praia siga crecendo ano tras ano como até agora”, sinalou.











