Máis de 600 mulleres xa formalizaron a solicitude para participar nos obradoiros de igualdade en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, mantén aberto o prazo de inscrición na programación de obradoiros gratuítos destinados a mulleres empadroadas no municipio para a tempada 2014-2015. Na primeira semana de apertura do prazo –abriuse o pasado día 4 de agosto- un total de 630 mulleres xa formalizaron a súa anotación nalgún das seis actividades de temporada que a Administración municipal oferta tendo en conta as preferencias das alumnas no pasado curso: informática, pilates, fotografía, memoria, zumba e ximnasia de mantemento.

Entre as persoas que formalizaron a súa solicitude figuran menores de idade que poden participar nos diferentes obradoiros presentando a autorización dos seus pais ou titores legais. Precisamente, un dos obradoiros que está a ter un maior número de mulleres inscritas é o de zumba, unha novidade na programación de Igualdade. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 5 do vindeiro mes de setembro e as solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol. Cada usuaria poderá anotarse nunha actividade da programación fixa que se desenvolverá de outubro a maio; e non existe límite de prazas, agás no obradoiro de informática. Ademais, as alumnas poderán participar nos cursos puntuais que a Concellería de Igualdade organizará ao longo do ano, e que na tempada pasada se centraron en Economía Doméstica, Defensa Persoal, Nutrición e Autoestima.

Así mesmo, e seguindo coa proposta de descentralización das actividades de Igualdade, os obradoiros se impartirán na Biblioteca Municipal Central da praza de España, pavillóns polideportivos da cidade e Casa da Muller. Ademais, as Asociacións de Mulleres do municipio tamén poderán escoller as actividades que teñen interese en que se desenvolvan nos seus locais.

14 de agosto de 2014 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.