Máis de 200 persoas participan na II Andaina da Festa do Pulpo
A II Andaina da Festa do Pulpo reuniu a máis de 200 participantes, que gozaron dunha xornada dominical percorrendo parte do municipio carballiñés, en concreto 18 quilómetros, para chegar ao Gran Balneario do Carballiño, onde lles esperaba a festa de benvida a cargo do DJ Tibu, e o programa en directo da Radio Galega, Come e Fala, así como un aperitivo para repor as forzas da camiñada.
Non faltaron a esta cita co deporte o alcalde do Carballiño, nin o edil de Obras, que demostraron estar en forma, chegando dos primeiros nesta camiñada campestre. Pero o verdadeiro exemplo dérono o participante máis lonxevo, 79 anos, e os dous participantes máis pequenos, 8 anos cada un.
Unha vez máis a asociación de veciños Camiño, organizadores desta andaina, ofreceron un percorrido ao gusto dos participantes, e un recibimento perfecto despois dunha xornada de marcha.











