publicidade hoxe

Máis de 100 rapaces reciben as axudas de apoio á escolarización para o vindeiro curso en Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

No día de onte saíu publicada a listaxe definitiva das prestacións de apoio á escolarización para o curso 2014/2015 das que se verán beneficiados 113 menores de 70 familias.

Estas axudas, de 75 euros cada unha, están dirixidas a apoiar ás familias que se atopan nunha situación económica máis vulnerable nos gastos extras que implica o comezo de cada curso escolar.

Desta forma, antes de que se inicie o curso escolar o próximo 10 de setembro, todas estas familias disporán destes cartos que lles permitirá afrontar os gastos extraordinarios motivados polo inicio das clases.

En total serán 8.475 euros os que se destinarán a estas prestacións, unha das medidas contra a exclusión social coas que conta o Concello de Oleiros para apoiar ás familias que se atopan nunha peor situación económica.

Aínda que o orzamento previsto era de 6.000 euros, á vista de que as solicitudes superaban as previsións iniciais, acordouse incrementar esta partida ata cubrir todas as solicitudes que cumprían os requisitos e chegar aos 8.475 euros concedidos.

Desta forma cúmprense varios dos obxectivos previstos pola Concellería de Servizos Sociais, por un lado facer efectivas as axudas ao inicio do curso escolar, cando as familias o precisan, e por outro incrementar a cobertura destas axudas, xa que este ano incrementouse o límite da renda per cápita familiar que dá acceso á axuda.

Para o vindeiro curso escolar estudaranse fórmulas para seguir mellorando e facilitar ás familias o procedemento de solicitude das axudas, así como seguir incrementando, na medida do posible, a cobertura destas axudas.

29 de agosto de 2014 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.