Lugo recupera a normalidade tras a retirada de 80 toneladas de residuos
A cidade de Lugo vai recuperando paulatinamente a normalidade na recollida de lixos tras o acordo alcanzado este xoves que puxo punto e final a case dous meses de folga no servizo. Nas primeiras horas de reinicio da actividade, os traballadores retiraron unhas 80 toneladas de residuos.
Así o sinalou o secretario do comité de empresa dos traballadores, Julio Pacio, que indicou que a recollida “está a ser normal e a xente está a saír á rúa ao cento por cento”.
“Hai moita acumulación de lixo á beira dos colectores e, entón, dificulta un pouco máis o traballo, pero máis ou menos imos como un día normal”, explicou.
Despois de que o acordo entre Urbaser e os traballadores tardase case dous meses en chegar, o portavoz da federación veciñal, Fernando Rois, suxeriu a posibilidade de “regular o sistema de folga”. “Neste país hai que regular dalgunha maneira que un colectivo non poida entorpecer o día a día da cidadanía. Eu creo que foi unha folga brutal”, indicou.
O Partido Popular, pola súa banda, envórcase nas súas críticas cara á xestión da folga por parte do concello. Así, o presidente provincial, Xosé Manuel Barreiro, entende que “aquí hai unhas claras responsabilidades de tipo político”. “Na miña opinión houbo unha nefasta xestión desde o punto de vista de quen ten a responsabilidade de gobernar e hai que esixir responsabilidades claramente porque en ningún momento houbo capacidade para resolver o conflito”, subliñou.
Tamén o portavoz popular no concello, Jaime Castiñeira, pediu a comparecencia do concelleiro de Medio Ambiente, Luís Álvarez, para que explique o seu papel na xestión da folga. Ademais, convidaralle a que aclare, no pleno, “os motivos polos que se puxo en risco a saúde e a seguridade dos lucenses”.











