Louzán destaca a cooperación transfronteiriza como eixe para o desenvolvemento de Galicia e Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPontevedra
A-
A+
Rafael Louzán na inauguración da avenida

Rafael Louzán na inauguración da avenida

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, situou a cooperación transfronteiriza como “eixe fundamental” para o desenvolvemento de Galicia e o Norte de Portugal. Fíxoo no acto de inauguración da avenida Provincia de Pontevedra, no municipio luso de Penafiel.

A Câmara Municipal deste municipio da rexión norte de Portugal –pertencente á subrexión do Támega e ó distrito do Porto, que conta con máis de 70.000 habitantes–  decidiu dar o nome de Provincia de Pontevedra a unha das súas rúas en “recoñecemento ós moitos anos de colaboración entre este municipio e diversos municipios de Pontevedra”, e coincidindo, ademais, co décimo aniversario da presenza de produtores e empresas galegas en Agrival, unha das principais feiras multisectoriais do norte e centro de Portugal.

No acto de inauguración da avenida, Rafael Louzán agradeceu esta “homenaxe a todos os pontevedreses e pontevedresas”, e incidiu en que se trata do “froito dunha relación de amizade que nos une historicamente e que se materializa nunha estreita colaboración en materias tan diversas coma os intercambios comerciais e empresariais, o turismo, o desenvolvemento de infraestruturas ou a cultura”.

Neste sentido, incidiu en que Pontevedra e os municipios do norte de Portugal “non poden vivir de costas”, xa que “os desafíos son moitos, pero tamén son moitas as oportunidades que temos ante nós se facemos o camiño xuntos e traballamos desde a unidade na defensa dos intereses comúns”.

Feira Agrival

Louzán e a deputada Ana Isabel Vázquez asistiron, convidados pola Câmara Municipal de Penafiel, á feira Agrival, inaugurada polo primeiro ministro luso, Pedro Passos Coelho, na que este sábado se celebrará o Día de Galicia, que os propios responsables do evento destacan como “o día central deste gran certame feiral multisectorial”.

O presidente da Deputación subliñou que a elevada presenza de Galicia nesta feira –con 25.000 m2 de exposición centrada en agricultura, gastronomía, maquinaria, artesanía, gando, moda, servizos e novas tecnoloxías–”dá mostras claras da estreita relación que une a Galicia con este municipio e con Portugal no seu conxunto”.

Como lembranza do acto que tivo lugar esta mañá, Penafiel loce xa nun dos seus parques públicos das inmediacións do recinto feiral unha escultura de Santiago Peregrino.

Trátase dun dos moitos traballos elaborados polos alumnos da Escola de Canteiros, que o municipio de Penafiel agradeceu dadas as súas vinculacións coa ruta xacobea en Portugal.

26 de agosto de 2014 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.