publicidade hoxe

Lousame celebra o seu VIII Encontro de Bandas o 17 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLousame
A-
A+

Esta mañá presentouse a VIII edición do Encontro de Bandas Concello de Lousame, que se celebra o vindeiro domingo 17 de agosto a partir das 18:00 horas no campo da festa de San Roquiño. O encontro foi presentado pola alcaldesa, Teresa Villaverde, e por representantes das formacións musicais que protagonizarán a xornada: a Banda Unión Musical de Ponteledesma, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Banda Municipal de Música de Lousame.

O encontro deste ano servirá como homenaxe ao compositor e intérprete noiés Prudencio Romo, falecido en 2007. Por eso, antes das actuacións das bandas, terá lugar ás 17:00 horas unha misa na súa honra. Romo foi membro fundador e director musical do grupo ‘Los Tamara’ e é o autor de temas como ‘Galicia, terra nosa’ ou ‘Puerto de Compostela’. Nos últimos anos da súa vida, encargouse de formar a banda de música de Lousame, que dirixiu desde 1995 ata 2006.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, anima a veciños e visitantes a participar neste evento cultural, no que colaboran o Concello, a Deputación da Coruña e a Asociación Cultural Prudencio Romo. Esta oitava edición do encontro suporá contar na localidade con algunhas das bandas de música máis representativas do panorama galego.

Non en van, a Unión Musical de Ponteledesma conta con máis de tres décadas de traxectoria. Na actualidade supera os sesenta compoñentes. Desde 1997 organiza cada ano o festival de bandas Insuas de Gres, un importante foro de intercambio entre bandas de toda Galicia. Dirixida desde 2002 por Roberto Hermida Rey, formado na propia banda, conta no seu haber con premios moi relevantes, un dos máis significativos e recentes o primeiro premio da sección segunda no VI Certame Galego de Bandas de Música de 2012.

A Banda da Escola de Música de Rianxo, formada en 2003 con alumnos da escola creada dous anos antes, conta con 35 músicos cunha media de idade de dezaoito anos. A escola suma uns 175 alumnos na actualidade. A banda, dirixida por Rafael Collazo, vai participar o vindeiro mes de novembro na sección terceira do VIII Certame Galego de Bandas.

E a Banda Municipal de Música de Lousame presentouse o Día das Letras Galegas de 1996, despois de ano e medio de clases na Escola Municipal de Música, posta en marcha a finais de 1994. Esta agrupación recolleu a tradición musical do municipio, con bandas destacadas en parroquias como Camboño ou Tállara. Nos seus inicios estivo dirixida por Prudencio Romo e contaba con 25 músicos. Na actualidade ampliouse ata os 45 integrantes e está dirixida por Fernando Froján, natural de Ces (Lousame). Do xa extenso currículo desta banda, destaca a súa primeira participación no Certame Galego en 2011, obtendo o segundo posto na sección terceira e o premio á mellor interpretación dunha obra galega con ‘O demo do Carboeiro’, de Manuel Blanco Dosil.

14 de agosto de 2014 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.