Licítase a venda de parcelas do parque empresarial da Laracha cunha bonificación do 20% no prezo do solo
A sociedade Suelo Empresarial del Atlántico, promotora da urbanización do parque empresarial da Laracha e propietaria dos seus terreos, vén de anunciar as novas condicións para o procedemento aberto e por licitación ao alza de venda das parcelas tralo acordo alcanzado polo seu Consello de Administración o pasado día 1 de agosto.
Como novidade máis importante, salientar que o prezo do metro cadrado se reduce nun vinte por cento para a totalidade dos solares, bonificación que suporá un destacado incentivo para que as empresas interesadas en adquirir solo industrial poidan decidirse por investir e asentarse no parque empresarial da Laracha.
Así, os prezos do metro cadrado en parcelas para uso catalogado como “gran industrial” serán de 55,20 euros. Nas outras categorías o importe dependerá de cuestións como a situación, superficie e características do terreo. No caso dos terreos de uso “industrial” os prezos oscilarán entre os 56 e os 62,40 euros; o “mixto” moverase entre os 64 e os 65,60 euros; o terciario estará entre os 66,40 e os 68 euros; e o “terciario industrial de primeira categoría” situarase entre os 59,20 e os 66,40 euros por m2.
A área industrial larachesa propiedade de Suelo Empresarial del Atlántico presenta unha superficie bruta de 825.000 m2. Actualmente son 128 o número total de parcelas que están á venda, contando as de menor tamaño con 675 m2 e alcanzando os 61.485 m2 a de maior superficie.
As condicións deste procedemento poden consultarse ao completo no taboleiro de anuncios do Concello da Laracha e na web de Suelo Empresarial del Atlántico (http://www.seasuelo.com/imagenes/files/CONDICIONES_P_E_LARACHA.pdf). As ofertas deben presentarse antes das 13.00 horas do día 15 de setembro nas oficinas centrais desta sociedade, situadas en Santiago de Compostela.
Nesta labor de atraer investimentos privados que reactiven a economía, o comercio e o desenvolvemento urbanístico municipal, o Concello da Laracha tamén oferta vantaxes fiscais nos impostos municipais, con bonificacións do 95% do ICIO para as empresas que se instalen no ámbito do polígono industrial.
O parque empresarial da Laracha caracterízase por estar realizado en terreo chan, nunha situación xeográfica estratéxica (preto da cidade da Coruña e do porto exterior de Punta Langosteira), excelentes comunicacións (entrada e saída directa desde a zona industrial á autoestrada AG-55) e completa cobertura en servizos (incluíndo rede de gas e telecomunicacións).
Desde o Concello da Laracha consideramos que a aplicación de bonificacións no prezo do solo do parque empresarial público será moi positiva para potenciar a venda das parcelas e favorecer o desenvolvemento industrial nun ámbito que, polas súas características e condicións, está preparado para albergar calquera tipo de actividade industrial.
Esta nova era agardada desde hai meses polo goberno local, especialmente tralas entrevistas que mantiveron en Madrid con Lucía Molares, directora xeral da Entidad Pública Empresarial de Suelo (SEPES), o alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, acompañado polo seu homólogo en Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, e a rexedora de Cee, Zaira Rodríguez, na que solicitaran medidas para reducir o prezo do solo e flexibilizar e facilitar a súa venda ás empresas que mostraran interese por asentarse na Laracha.
A sociedade SEA tamén prevé establecer bonificacións de similares características ás da Laracha nos parques empresariais de Malpica de Bergantiños e de Cee.











