Lapsus Gaita, Emilio Rúa e Astarot na primeira xornada musical de Santa María A Maior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Na xornada de mañá, xoves 14 de agosto, arranca o ciclo de festas de Santa María A Maior en Verín cunha sesión musical nocturna conformada por Lapsus Gaita, Emilio Rúa, Xestreu e Astarot.

A mesma terá lugar na praza García Barbón e arrancará ás 22.30 horas coa actuación do grupo verinense Lapsus Gaita. Esta formación naceu inicialmente como un cuarteto tradicional formado por dúas gaitas, tambor e bombo, pero a raíz da participación de Álvaro Rúa -un dos integrantes- no concurso Vai de Gaita do programa televisivo Luar a formación foi trocando, incorporando novos instrumentos e tocando novos estilos de musica ata o punto de estar nunha fase de transformación de cuarteto a grupo folk. Na actualidade está conformada por Álvaro Rúa -gaita-, Daniel García -gaita, clarinete e frautas-, David Correa -saxo e percusión-, David Boo -batería- e José Antonio Álvarez -caixón e percusións variadas- e contan, ás veces, con colaboracións Edelmiro Mateo ao acordeón ou aos amigos da Banda de Gaitas do Concello Verín. Na xornada de mañá tocará un repertorio que inclúe cancións tradicionais como “Non te namores”, temas de autor como “Prieguicera” ou “O fillo da Teresa” de Ernesto Campos e tamén do repertorio de Luar na Lubre ou Carlos Núñez.

A continuación, ás 23.30 horas, será a quenda para Emilio Rúa que presentará o seu quinto disco Destino Sur. O cantautor contará coa súa banda ao completo (Jose Gayoso -guitarra-, Kiños Saburido -batería- e Diego Pérez -contrabaixo-) e a colaboración das cantareiras Xestreu. Destino Sur é un disco nacido co obxecto de establecer un vínculo entre a música popular galega e a do sur do Estados Unidos. Está conformado por un total de 13 temas, dos cales nove son autoría de Emilio Rúa e os outros catro son versión ou revisión adaptadas polo propio cantautor como “Nun lugar do arco da vella” (banda sonora do filme El mago de Oz), “A moza de onte” (La chica de ayer), “Miña Maruxiña” (Andrés Dobarro), e “María Soliña” (C.E.Ferreiro). Conta este disco ademais coas colaboracións de Xosé Manuel Budiño, a eurovisiva Lucía Pérez e o cantautor leonés Fabián.

Ao finalizar, e tamén na praza García Barbón pero a partir das 00.30 horas, a formación Astarot presentará o Séptimo pecado. Este disco, producido por Alfredo Garrido, sorpréndenos con 18 temas dos cales, once son composicións propias que nos recordan ás orixes da banda galega. Séptimo Pecado contén tamén versións das cales tres son en galego (“Adeus Ríos, Adeus Fontes” de Amancio Prada, “Xirarei” de Juan Pardo e “O tren” de Andrés do Barro) e dous en castelán (“Échame a mí la culpa” e “Cerca del río”, as dúas popularizadas por Albert Hammond ao máis estilo Astarot). Pechando o disco teñen tres Bonus Track de regalo para todos os seus seguidores. Con este novo traballo, Astarot intenta compracer por un lado a todos os seus seguidores que ano tras ano os apoiaron e confiaron nas composicións propias do grupo, e por outro lado, non deixar de lado as versións de clásicos galegos como leva facendo nos últimos anos. Este disco conta con colaboracións especiais como Rosa Cedrón (Ex cantante de Luar na Lubre) e Joaquin Padilla (cantante de Iguana Tango).

13 de agosto de 2014 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.