Keaton Nankivil afirma que primeiro hai que facer o equipo e despois ver até onde se pode chegar
Esta mañá tivo lugar a presentación do novo xogador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Keaton Nankivil, que se celebrou nas instalacións de Dimonorte, concesionario da marca Peugeot e coche oficial do club para a presente tempada 2014-2015. A cita estivo presidida polo director de Mercadotecnia da empresa concesionaria, Marcos Díaz, e o adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Moncho Fernández. O concesionario de Peugeot patrocina os vehículos oficiais do club e, tal e como apuntou Marcos Díaz, “é un pracer continuar co grupo de empresas que colaboran co Rio Natura Monbus Obradoiro”.
O novo á-pivote do equipo, Keaton Nankivil, asegurou na súa presentación que cre que “por este camiño farase un bo equipo”. Este xogador norteamericano de 2,03 metros e vinte e cinco anos, que procede do Ratiopharm Ulm, fai a súa posta de longo na liga Endesa despois de tres anos na liga alemá. “Santiago é unha cidade preciosa e marabillosa, absolutamente diferente aos sitios en que estivera. Os compañeiros son encantadores e o adestrador, moi esixente e disciplinado. Creo que se seguimos por este camiño, con este tipo de traballo e de vestiario, faremos un bo equipo”, indicou.
Keaton dixo que está “moi contento” e que aínda non ten referencias para saber como é a liga Endesa, aínda que coñece aos grandes equipos “como o Real Madrid e o Barcelona” e imaxínase como son as cousas se o Rio Natura Monbus xoga contra eles. “Agora mesmo estou centrado nas cousas básicas para ter un bo desenvolvemento como equipo. Primeiro hai que facer o equipo con este persoal e despois ver até onde podemos chegar”, engadiu.
Pola súa banda, o adestrador, Moncho Fernández, explicou que o xogador achegará desde a posición de catro nunha serie de aspectos fundamentais, entre os que subliñou a súa intelixencia sobre a pista. “É un xogador que creemos que ten xa a experiencia suficiente para dar un paso adiante a unha liga como a española e que ten as habilidades tanto técnicas como humanas que buscamos. Sempre destacou polo seu traballo e o seu sentido do equipo. É moi serio e profesional. Tecnicamente, é un catro que destaca pola súa capacidade atlética e polo seu lanzamento exterior. O seu antigo adestrador dicía que se sabía os sistemas mellor que a base; iso é significativo da súa intelixencia táctica”, agregou.
Así as cousas, ao Rio Natura Monbus Obradoiro só lle faltan tres xogadores dos doce que formarán o equipo durante esta campaña: os beirados Pavel Pumprla e Adam Waczynski e a á-pivote Maxi Kleber, que están coas súas seleccións no Preeuropeo.
O técnico fala “con eles ao acabar cada partido” e está moi satisfeito en xeral, pois tanto a República Checa como Polonia e Alemaña lograron unha difícil clasificación. “Estou moi contento con Adam. Onte vin o partido enteiro, foi moi duro e tiveron que gañar na prórroga. Maxi tivo un partido máis fácil contra Luxemburgo e Pavel estivo a piques de perder a clasificación, pero ao final conseguiuna”, indicou no concesionario de Dimonorte. Fernández pensa que “teñen moitas ganas de vir e agora van ter uns días para organizar a súa vida e vir coa familia. Estamos a desexar telos todos aquí. Vai ser chulo ter a todo o persoal o 4 de setembro. Chegarán en forma, aínda que un pouco saturados mentalmente. Terán uns días para descansar que son necesarios”.











