Javier Albes encabeza un novo corpo técnico do Azkar Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+
Presentación do novo corpo técnico. Foto: www.pronelugoad.com

Presentación do novo corpo técnico. Foto: www.pronelugoad.com

Na tarde deste xoves foi presentado por medio do Presidente do Club, Manuel Vázquez, o que será o novo corpo técnico do Azkar Lugo F.S.. O corpo técnico está encabezado por Javier Albes como primeiro adestrador que volve a Lugo tras pasar con anterioridad sete tempadas como xogador do primeiro equipo. Procede do Cidade de Narón co que ven de gañar a liga de 2ª División “B” a pasada tempada, ademais de logralo tamén na 2010/11.

 O segundo adestrador será Suso Rei, quen tamén conta con pasado no Azkar Lugo F.S, xa que exerceu dúas tempadas como Preparador Físico. Jaime Capellá, ocupará o posto de fisioterapeuta, quen conta con amplos coñecementos na súa área.

Declaracións:

O presidente, Manuel Vázquez, sinalaba na roda de prensa que este era o momento de poñer fin a un ciclo de 3 anos no que o corpo técnico encabezado por Diego Ríos cumprira os obxectivos marcados; considera Manuel Vázquez que este “é un bo cambio tanto para a entidade como para o corpo técnico saliente”, considera tamén o presidente que o corpo técnico,”está formado por dous coñecedores da casa como son Albes e Suso Rei, e por Jaime que vén de traballar no mellor gimnasio de Madrid, e que será un bo complemento para Suso Rei, e que o grupo de xogadores vai estar moi ben adestrado, ben atendido e que vai seguir a progresión dos tres últimos anos”.

 Javier Albes, regresa ao club once anos logo da súa saída, tras estar no club sete anos desde 1996 a 2003, “volvo ao club que me deu a saída profesional, e co cal deportivamente acumulei moita experiencia, agora gustaríame aportar e axudar ao club noutra faceta, como é a de adestrador do primeiro equipo”, “veño con moita ilusión pois o reto é bonito. “Temos un persoal formado case na súa totalidade por xogadores sub-23, cun reto difícil, manter ao equipo na División de Honor e crear un bo grupo de traballo”; respecto ao novo corpo técnico e á primeira semana de traballo co equipo Albes recoñece que “levou algo de tempo, pero conseguimos facer un corpo técnico moi bo, para o club é unha virtude que o persoal sexa mozo e para o corpo técnico é un reto”, “cos pés no chan o obxectivo é a permanencia, pero a tempada iranos dicindo como evoluciona o equipo”, “o equipo esta con moitas ganas, moi motivado e moi receptivo ao traballo do novo corpo técnico”. Respecto de a recente renovación de Antonio Diz, Javier Albes afirma que “é unha pedra máis do proxecto, é unha persoa que representa os valores da casa, que quere seguir aquí e que quere seguir pelexando”.

7 de agosto de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.