publicidade hoxe

Investiranse 60.000 euros na mellora da eficiencia enerxética en Campo Lameiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Campo Lameiro

Cores Tourís na visita a Campo Lameiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Campo Lameiro para analizar as obras de mellora de eficiencia enerxética que se realizarán grazas a nova liña de axudas que acaba de facer pública a Consellería de Economía e Industria.

Na visita o delegado territorial estivo acompañado do alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns, así como do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

José Manuel Cores Tourís destacou os 60.000 euros de investimento que se destinarán a obras de mellora enerxética no concello de Campo Lameiro e dos que 51.000 corresponderán a subvención aportada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia.

“En concreto, no lugar de Redonde cambiaranse 75 puntos de luz LED”, explicou o delegado territorial, que tamén destacou que “estas obras permitirán reducir o consumo e o fluxo luminoso un 50% durante once horas ao día. “Con esta medida aforraranse no municipio de Campo Lameiro case 11.000 euros ao ano, conseguindo un aforro enerxético de 10.784,76 kWh ao ano e reducindo en 16,92 toneladas ao ano as emisións de CO2, o que equivale a 846 árbores plantados”, aclarou o delegado territorial.

Cores Tourís tamén recordou que na agrupación dos concellos de Campo Lameiro, Cerdedo, Cotobade, Moraña e Cuntis se están a executar melloras en 8 instalacións e 437 puntos de luz, “o que permitirá aforrar case 90 toneladas de CO2 ao ano, o que equivale a 4.545 árbores plantados”. Ademais, segundo apuntou o delegado territorial, estas obras permitirán aforrar aproximadamente 140.000 kWH ao ano o que se traduce nun aforro económico estimado de máis de 30.000 euros en 12 meses.

Esta agrupación de concellos beneficiados por estas axudas levarán a cabo actuacións de cambio de puntos de luz por novos equipos Led, o que suporá un investimento no total dos municipios de 300.000 euros, dos cales 255.000 serán subvencionados pola Consellería de Economía e Industria.

“A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver unha nova convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior”, explicou Cores Tourís, engadindo que neste sentido, 32 concellos da provincia de Pontevedra, téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.

A Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden a provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”, explicou Cores Tourís. Neste contexto, cómpre salientar que a liña promoveu, unha vez máis, este tipo de proxectos colaborativos, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 80% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís. Así, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro anual conxunto de máis de 1 millón de euros a nivel galego. Ademais, obterase un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 2.000 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 4.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 217.000 árbores.

Desde o 2009, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diversos programas de actuación que promoven un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia administración, cun investimento superior aos 70 millóns de euros.

Mellora competitiva da industria

O delegado territorial aproveitou a visita a Campo Lameiro para recordar que neste marco de aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, acaba de publicarse no DOG a convocatoria dirixida á industria, en concreto a empresas e autónomos, e que prevé a mobilización de investimentos de 6 millóns.

“Con este programa perseguimos reducir os consumos nos sectores industrial e de servizos, que en Galicia representan o 45% e o 9% do consumo de enerxía final, respectivamente”, matizou José Manuel Cores Tourís, recordando que a porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores, coa posta en marcha das medidas impulsadas, chega ata o 15% no sector industrial, e ao 30% no sector servizos.

26 de agosto de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.