Haris Giannopoulos ficha polo Rio Natura Monbus Obradoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro chegou a un acordo con Haralampos Giannopoulos, polo que este beirado grego de 2,00 metros e 24 anos convértese en novo xogador do conxunto galego para a tempada 2014/15. Procede da Bruixa d’Or Manresa, onde esta última tempada promediou 7.0 puntos (47% en tiros de dous, 34% en triplos e 92% en tiros libres) e 3.2 rebotes en 19,5 minutos.

Internacional nas categorías inferiores helenas U20 (medalla de ouro no Europeo de Rodas’09), U18 (prata no Europeo de Madrid’07) e U16, no seu palmarés figura tamén o título de Liga que conseguiu co Panathinaikos fai dúas campañas. Anteriormente tamén defendeu as camisetas de Peristeri (2011/12), Panionios (2009-11), Olympiakos (2008/09) e PAOK Salónica (2005-08).

“Con Haris incorporamos a un beirado completo, capaz de lanzar, de postear e, sobre todo, de xogar para o equipo e adaptarse ás súas necesidades. No seu momento tomou a decisión de vir probarse á liga Endesa podéndose quedar no seu país, nunha situación relativamente cómoda e en equipos importantes, o que denota a súa ambición. Entende o xogo e a súa envergadura e presenza física permítenos completar o perímetro mellorando neste apartado”, afirma o director xeral do club, José Luís Mateo.

11 de agosto de 2014 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.