Habilítase en pleno centro urbano de Cedeira unha nova área de aparcadoiro con 26 prazas
As xestións realizadas polo alcalde de Cedeira, Luís Rubido, para gañar prazas de aparcadoiro deron os seus primeiros resultados. Así, o rexedor anunciou que desde mañá mesmo, 8 de agosto, a vila contará cunha nova área de estacionamento, con 26 prazas, nunha inmellorable localización: a Avenida de Castelao, no tramo situado entre dúas superficies comerciais, a escasos metros do Palacete Municipal e do Parque Sagradoo Corazón. Luís Rubido sinala que a iniciativa é posible grazas a un convenio de colaboración subscrito entre o Concello e os propietarios do terreo, até a data en desuso.
Un terreo que o particular cede gratuitamente a cambio de que a Administración local o manteña en bo estado. Ademais, o Concello tamén procedeu ao seu correspondente acondicionamento. A partir de agora, será un estacionamento en vía pública que se rexerá polas normas da zona azul (limitando a estancia a 90 minutos). Neste sentido, o alcalde tamén subliña que ditas prazas manteranse máis aló das festas patronais, xa que estarán a disposición de veciños e visitantes de forma permanente.
Ademais, o rexedor sinala que as xestións continúan e prevé que a curto prazo Cedeira poida gañar outras 60 prazas máis grazas a novos acordos entre Concello e particulares. Por último, Luís Rubido sinala que deste xeito Cedeira suma novas prazas de estacionamento e, por tanto, gana en comodidade para os seus residentes, especialmente en épocas de gran afluencia turística como o verán ou a Semana Santa. A este obxectivo engádese outro, e é que se logra que devanditos espazos estean en perfectas condicións.











