Gran acollida das primeiras sesións do I Festival de Música Alternativa en Poio
A I edición do festival de música alternativa organizado pola asociación de hosteleiros de Raxó coa colaboración do Concello de Poio, que se celebra simultaneamente coa feira de artesanía Chalana no Peirao de Raxó, está a ter unha moi boa acollida nas primeiras sesións. O domingo foi o primeiro dos concertos, coa actuación do grupo de Poio Champurrada, que animaron ao público asistente co seu rock bravú, e na noite de onte, o quinteto de jazz de Virxilio da Silva, músico de Portonovo, coñecido pola recente polémica protagonizada por un local nocturno de Sanxenxo ao suspender o seu concerto programado dentro do Ciclo 1906.
Na noite de hoxe, sempre que o tempo o permita, será o turno da música de cine de A Dolce Vita, cantante letona residente en Raxó, e mañá Foxy Freire clausurará a 1ª edición do Raxonita Music Festival con rock dos ’70. Ata o domingo 17 de agosto poderá visitarse a Feira de Artesanía Chalana, con postos de prata, deseño, coiro, bolsos e camisetas, queixos de Galiza, conservas Cámping, vermú Nordesía e xenebra Nordés, e a cervexa artesá de Poio, Meiga.











