Gonzalo Rodríguez será titor da “Plataforma de Mellora do Adestrador Galego” da Fegaba
O adestrador axudante do Rio Natura Monbus Obradoiro, Gonzalo Rodríguez Palmeiro, será un dos titores da primeira edición da “Plataforma de Mellora do Adestrador Galego”, que se celebrará mañá, 6 de agosto, na Coruña con motivo do encontro amigable que disputará a Selección Española ante Canada.
A cita, organizada pola Federación Galega de Baloncesto e dirixida por Carlos Outeiros, servirá como primeira reunión do grupo de traballo didáctico do que serán titores, ademais de Gonzalo, Carlos Maceiras e Antonio Pérez Caínzos, un dos participantes deste ano no exitoso II Clínic “Desmontando ao Adestrador Axudante”, organizado polo club.
O técnico do conxunto santiagués considera esta cita “un novo escenario de ensino moi práctico, que combinará os encontros presenciais coas actividades online durante todo o ano para que tanto titores como tutorizados podamos reciclarnos constantemente grazas aos ensinos e experiencia dos demais”.
O encontro constará de diferentes bloques como conferencias técnicas, asistencia a un adestramento da Selección para charlar cos técnicos asistentes da mesma ou un debate aberto con todos os inscritos na actividade. Será o propio Gonzalo Rodríguez quen imparta unha das clases maxistrais, con título “Transición defensiva: conceptos e exercicios”.











