Fran Cárdenas promete ilusión, traballo e sacrificio no Rio Natura Monbus Obradoiro

Presentación de Fran Cárdenas
O novo base do Rio Natura Monbus Obradoiro, Fran Cárdenas, foi presentado esta mañá no Pazo de Altamira en compañía de Andrés Iglesias, delegado en Santiago de GSI Subministraciones, empresa que dirixe o conselleiro do club, Argimiro Fernández; Adrián Comesaña, propietario do Pazo de Altamira e membro do Club de Empresas Obradoiro, e do director xeral do club, José Luís Mateo.
Jose Luís Mateo, comezou a rolda de prensa agradecendo ao Pazo de Altamira o seu involucración no proxecto obradoirista, e para iso, lembrou aos alí presentes que “onte estivemos aquí antes da Asemblea de Socios e comemos de marabilla. É a mellor carta de presentación dun restaurante. Apoian e senten o club e viven o día a día connosco”, apuntou.
José Luís Mateo, que xa coincidiu con Fran Cárdenas en Sevilla, opina que “a pasada tempada foi un dos mellores bases da competición” e afirma que “todo o que conseguiu na súa carreira gañouno con suor, por iso ten a madurez suficiente para poder axudar”.
Para Mateo, o novo base obradoirista “responde perfectamente ao perfil deportivo que require o noso equipo para esa posición tan importante e tamén ao perfil humano necesario para o rol de terceiro base. Demostrounos que vén con moita ilusión a axudar ao equipo a ser mellor cada día”, concluíu.
Fran Cárdenas, de 1,77 metros e vinte e tres anos, procede do Oviedo de Adecco Ouro, onde conseguiu uns números de 9.9 puntos (57% en tiros de dous, 44% en triplos e 81% en libres) e 4.4 asistencias para 12.7 de valoración durante a pasada campaña, alcanzando as semifinais do Playoff da competición.
O mozo de La Palma del Condado (Huelva) e formado na canteira do Cajasol, agradeceu de forma pública a “gran acollida” que tivo na capital galega. “O único que prometo é moita ilusión, moito traballo e moito sacrificio. Levo moito tempo fóra de casa xogando en distintas ligas. A pesar da miña idade teño experiencia acumulada e creo que podo achegar ao equipo o que me pida”, explicou ante os medios de comunicación.
Cárdenas pensa que a filosofía do adestrador, Moncho Fernández, é a correcta, pois é “esixente e así consegue que todos os xogadores dean o cento por cento e estean ben cando saltan á cancha”. Afronta a tempada como “un reto e sen presión” mentres se exercita coa mente posta na cita do 4 de outubro no Fontes do Sar ante a Bruixa D’Or Manresa, cando pensa que todos os xogadores coñeceranse á perfección. Mentres, o novo xogador do Rio Natura Monbus Obradoiro, tenta asimilar conceptos novos que “son moitos en moi pouco tempo”.











